Teño a impresión que cada vez somos máis os veciños decepcionados pola forma utilizada polas Administracións Públicas (Concello, Xunta, Deputación e Goberno) para intentar solucionar os principais retos da cidade de Vigo, dende a construción do novo hospital de Valadares, pasando polo futuro da Área Metropolitana, das caixas de aforro e dos nosos sectores industriais da automoción e da construción naval, até acadar un novo pulo do porto, esa abella da ribeira que durante os douscentos anos de existencia como cidade, que celebramos o día de hoxe, constituíu o motor primeiro do noso desenvolvemento urbano.

Entre todas esas cuestións, vitais para o futuro da cidade nas dúas vindeiras décadas, a triste situación de bloqueo institucional e da perigosa perda de tráficos e de competitividade na que se atopa o porto de Vigo non pode ser considerada de maneira ningunha coma un problema menor. O porto é a maior empresa viguesa, na que segundo datos da Federación de Usuarios del Puerto de Vigo, desenvolven a súa actividade máis de 1.500 empresas que empregan a 34.000 traballadores. Os datos máis recentes sobre o seu tráfico dan que pensar. En 2009 sufríu un descenso do 22%, porcentaxe, sen dúbida, explicable polos efectos das crises económica e do comercio marítimo internacional; mais tamén moi superior ao 12,9%, media de decrecemento do conxunto dos portos españois. No obstante, a pesar destas cifras negativas, que sitúan a nosa Autoridade Portuaria na viséxima posición por volume de tráfico (entre as 28 existentes en España), o porto de Vigo continúa nas posicións de cabeza nos tráficos de pesca fresca (que mesmo aumenta con respecto a 2008) e de automoción, aumentando, ademais, o número de pasaxeiros (máis de 220.000) que nos visitaron nas 102 escalas de cruceiros.

O bloqueo institucional do porto está provocado por cuestións estritamente políticas. Socialistas e populares vigueses conciben a presidencia da Autoridade Portuaria como unha “alcaldía alternativa”, dende a que se está lexitimado a desenvolver e publicitar “grandes proxectos para o porto”, como paso previo para acceder á cadeira presidencial da Casa do Concello. Esa foi a exitosa estratexia utilizada por Abel Caballero, que anunciou as marabillas transformadoras para a cidade daquel “Plan Nouvel” do que agora nada se sabe, emulada despois, con escasas diferencias, pola súa rival Corina Porro que, entre outras actuacións, pretende a reordenación e ampliación dos peiraos do Areal e Trasatlánticos e a transformación en peirao do dique do porto pesqueiro. Nese enfrontamento político, nesa evidente confrontación preelectoral entre Abel Caballero e Corina Porro, reside boa parte da orixe dos conflitos actuais (políticos e xurídicos) entre a Autoridade Portuaria e o Concello.

A esta lea é atribuíble a imposibilidade de acadar un acordo para que o concello constrúa un parque de bombeiros no recheo de Bouzas, tan necesario para ofrecer servizo á zona oeste da cidade. Idéntica orixe teñen as obras portuarias actualmente paralizadas por orde xudicial. Sexa a demolición da nave de cableiros, realizada sospeitosamente en fin de semana e sen licenza municipal, solar onde Corina Porro pretende ubicar unha fonte cibernética (valorada en tres millóns de euros) para impactar aos cruceristas. Fosen as obras de ampliación do peirao do Areal, comezadas cun importante recheo, sen contar nin con estudo de impacto ambiental nin tampouco coa aprobación dun novo Plan de Usos e Espazos Portuarios, que debería ser avalado tanto pola Autoridade Portuaria como polo Concello.

Máis alá da orixe política destas desputas, aparentemente irreconciliables, hai tres cuestións que deberían ser puntos de encontro cidadán. É irrebatible que o porto de Vigo, se quere ser verdadeiramente competitivo entre os seus competidores da fachada atlántica, precisa un novo pulo, un reordenamento e modernización profunda das súas instalacións que potencie o crecemento dos seus tráficos. Porén, un pulo que non se pode acadar a calquera prezo, xa que ten que ser absolutamente compatible coa preservación da calidade medioambiental de toda a ría (o noso primeiro patrimonio natural) e coa apertura definitiva e sen restrición ningunha da cidade ao mar.

O porto de Vigo precisa renacer, reconciliarse definitivamente coa súa cidade. Como Vigo non funciona sen o dinamismo e a achega do seu porto. A pesar dos efectos paralizantes da crise económica e da distorsión inevitable que introduce a carreira das vindeiras eleccións municipais, o actual bloqueo institucional e a perda de tráficos demandan un grande pacto polo porto, avalado polos tres grupos municipais. En Vigo aínda é posible acadar un novo porto moderno, ecoloxicamente sostible e aberto á cidade.

bretemas@gmail.com