Coa equipaxe case sen recoller da fita transportadora, apenas instalado no seu despacho de San Caetano, abriu por primeira vez a boca de conselleiro para abraiarnos cunha confesión emitida en castelán, como corresponde á imaxe dun profesional viaxado e políglota: "A mí el concepto que me gusta es el de la cultura hecha en Galicia, no el de la cultura gallega." Como estaba no seu despacho, tomouse a liberdade de despacharse así, con olímpica deportividade e sen complexos, que é como se manifesta a dereita española desde que decidiu non disimular máis os seus sinais de identidade, os da patria "Una, Grande y Libre". Ao conselleiro Roberto Varela, que traballa, precisamente, para o goberno galego –denominado por el, na intimidade, "Goberno da Política Feita en Galicia"-- de entrada non lle gusta o concepto que define e xustifica o labor da consellería cuxa xestión se lle encargou. Cómpre preguntarse se, de térselle asignado a dirección da Consellería do Mar, declararía tamén o rexeitamento de conceptos tan limitados como "Plan Galego de Acuicultura", "mariscadoras galegas" ou "sector pesqueiro galego", que acaso deberían modificar a súa formulación verbal, de tendenciosa morfosintaxe nacionalista, para adoptar estas outras solucións expresivas: "Plan da Acuicultura Feita en Galicia", "mariscadoras que traballan en Galicia" e "sector pesqueiro que faena en Galicia e en caladeiros internacionais".

Por recentes declaracións de Roberto Varela soubemos que o que realmente descontenta, desagrada e enfastía ao Conselleiro da Cultura Feita en Galicia non é só o concepto "cultura galega" senón sobre todo a mesma Cultura Galega, que el, sen complexos –expresión que no idiolecto da dereita significa o mesmo que "con orgullo de raza, maiormente hispana"--, califica de "acomplexada e ensimesmada". Desde o seu propio ensimesmamento de xestor emocional e ideoloxicamente distante dos eidos que lle encomendaron cultivar, o conselleiro Varela acaba de confirmar as súas flagrantes carencias culturais, a eiva destrutiva de quen despreza canto ignora, neste caso a dimensión universal da Cultura Galega, permanentemente afirmada no diálogo co mundo, con tal mostra histórica e presente de probas que esixiría o espazo dunha dilatada crónica.

Ao conselleiro de Cultura non lle gusta a Cultura Galega. Tal predisposición ao desagrado semella sinalar tamén o rumbo de outras consellerías. Ao conselleiro de Educación, por exemplo, non lle gusta completamente a lingua propia de Galiza. Gústalle só nunha porcentaxe dun 33%, en equilibrio co castelán e o inglés, que talvez non sexan idiomas galegos, pero si falados en Galiza, percepción coincidente co matizado concepto que tanto engaiola ao de Cultura. O segredo de toda esta dinámica emocional de preferencias e repugnancias --cuestión de gustos, opción de liberdade estética-- reside na cerna dos intereses políticos do presidente Núñez Feijóo, a quen tampouco lle atrae excesivamente o goberno desta nación chamada Galiza. A el o que lle interesa de verdade é a política feita en Madrid e para toda España. ¿Quen son, finalmente, os limitados, os ensimesmados, os acomplexados?