A elección de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega é unha noticia feliz para a nación dos galegos, tanto por tratarse da figura cimeira da cultura galega contemporánea, como dunha das personalidades políticas máis decisivas das últimas cinco décadas. A indiscutible envergadura moral do autor de “Estirpe”, como a súa capacidade para xuntar vontades nunha angueira común, facilitaron unha elección na que, como sucedera xa en ocasións anteriores, se acadou un consenso máximo nunha institución que sabemos moi plural e diversa.

A estensa nómina de méritos literarios de Méndez Ferrín, avalados de forma unánime pola crítica literaria e, sobre todo, polos seus milleiros de lectores e lectoras, xa foron recoñecidos co Premio Pedrón de Ouro de 1987, o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Literatura de 2008 e coa súa candidatura ao Premio Nobel de Literatura presentada cada ano polo Pen Clube. Dende que hai máis de cinco décadas, cando publicou “Voce na néboa” (1957), o seu poemario alboral, e “Percival e outras historias” (1958), o seu primeiro libro de relatos, Ferrín traballa devagariño na construción dun grande macrotexto literario, no que tanto dende a obra poética como da narrativa, procura unha renovación constante das formas artísticas que permita “a defensa da autonomía do campo literario como camiño para a consolidación da literatura galega como literatura nacional”. Sinálao así, o profesor Anxo Angueira, o maior coñecedor da obra literaria de Ferrín, no seu ensaio máis recente, “A Espiral no Espello” (Xerais 2009), no que analiza a achega decisiva de “Bretaña, Esmeraldina” (Xerais, 1987, 2007) ao sistema literario galego como obra central dentro do proxecto artístico ferriniano.

O autor de “Arraianos” (1991) vencellou este compromiso na defensa da autonomía plena do noso campo literario ao seu labor no eido da investigación e crítica literarias, nos que ten realizado estudos decisivos, como “De Pondal a Novoneyra” (1984), sempre mantendo unha relación constante coa literatura medieval, expresada singularmente no seu discurso de ingreso na RAG o 30 de setembro de 2000, “A poesía medieval galega vista desde os relanzos derradeiros do século XX”. Labor investigador, transformado con grande mestría didáctica (algo que non resulta extraño tras a súa experiencia docente de máis de catro décadas no Instituto Santa Irene das Travesas), en actividade divulgadora e publicística da cultura galega nas diversas seccións que leva mantendo ininterrumpidamente no suplemento “El Sábado” de “Faro de Vigo”, como “No fondo dos espellos”, a páxina literaria máis fermosa e interesante das publicadas hoxe pola prensa en Galicia. Outrosí, sucede coa súa presenza bisemanal nestas páxinas de “Faro de Vigo”, onde dende hai dúas décadas desenvolve un xornalismo de opinión elegante e cívico, miniando en cada artigo ese galego radical e puro, que sen refugar un rexistro popular, se amosa como o máis axeitado para todos os usos da lingua.

Tras a presidencia de don Paco Fernández del Riego (ese home luz que cumpriu este mes 97 anos) na que dende 1997 se crebaron vinte anos do conformismo de García Sabell; despois da profundización dese proceso de renovación, no que se incorporaron novos académicos e algunhas, poucas, académicas, acometido por Xose Ramón Barreiro Fernández, correspóndelle a Ferrín e ao seu equipo a tarefa de consolidar a institución centenaria no século da cultura dixital.

Continuando o ronsel aberto por Manuel Murguía de acadar a plenitude para a lingua e a cultura galegas, os obxectivos primeiros da institución da rúa Tabernas, Ferrín deberá facer fronte a retos complexos da institución, tanto os que afectan a súa presenza social e consolidación institucional como ao traballo corporativo nos eidos que lle son propios. Mais, experiencia, capacidade de diálogo e firmeza abondas non lle faltan a Ferrín para darlle ese novo pulo que precisa a RAG.

Nun momento decisivo, no que determinados sectores da sociedade galega pretenden facer retroceder as políticas de fomento da nosa lingua e o prestixio da nosa creación literaria, priorizar o traballo interno dos equipos e seminarios académicos nos eidos da lexicografía, gramática ou historia; consolidar un sistema estable de financiamento institucional (a nosa primeira institución cultural padece un vergonzoso déficit crónico, que lle dificulta manter un funcionamento digno) e, sobre todo, profundizar na súa presenza social empregando os medios da comunicación cultural contemporánea serán prioridades deste período. Os nosos parabéns para Méndez Ferrín por tan merecida elección e os nosos desexos dos maiores éxitos para tarefas tan ilusionantes que inicia co seu equipo.

bretemas@gmail.com