A consellería de Educación remitiulle á Academia Galega as bases para o Decreto de Plurilingüismo. Na sua carta, o señor conselleiro non lle pedía á Institución un dictame. Así e todo, os académicos consideraron obriga súa faceren unha análise do decreto que se prepara e enviarlla ao conselleiro. Foi nomeada unha comisión que, ben asesorada xuridicamente, elaborou un documento de doce páxinas, titulado "Análise académica das Bases para o Decreto de Plurilingüismo". Tal documento foi presentado ao Plenario da Academia e aceptado por unanimidade. Poderiamos decer mellor que o Plenario aclamou o documento, premiando os seus redactores cunha ovación de palmas e varias series de baterías aprobatorias marcadas cos cotelos na mesa da xuntanza. Esto ocorría sábado pasado. Deseguida, fíxose chegar a Análise ao señor conselleiro. Hoxe, segunda feira, o presidente en funcións da Academia Galega reuniu na Coruña os medios de comunicación para lles entregar copias da Análise e mais un condensado dos contidos dela. Este cronista non formou parte da comisión que concebiu e redactou a Análise, polo que está en boa posición para a eloxiar calurosamente sen ser acusado de inmodestia. Ao longo do día de hoxe a Análise terá eco na radio, televisión e internet.

Mañá ocupará un espazo, dependendo das tendencias na prensa. Por esta razón agora non nos ocuparemos aquí en difundir os contidos da Análise Académica.

O rexeitamento do novo decreto do galego parece xeneralizado. A Xunta debería recuar e desistir dos seus propósitos negativos. Desde o meu punto de vista, o PP non dispón dunha maioranza suficiente para promulgar un decreto tan radical contra o galego. Todo parece indicar que o goberno do señor Núñez Feijóo está dirixido desde Madrid e ten como tarefa principal a de desposuír Galicia dos seus signos distintivos, comezando polo idioma que nos fai ser únicos e diferentes no Mundo.

Xamais este goberno se refire a Galicia chamándolle Nacionalidade Histórica, tal e como é definido o noso país no texto do Estatuto, aínda que tamén é verdade que a anterior Xunta autonómica tampouco facía tal. Os premios nacionais de cultura, aínda que precarios e minimalistas, parecer ser que desaparecen da axenda da consellería correspondente. As galescolas, cuase non natas, perden o sentido e os obxectivos que orixinalmente tiñan, e mesmo adoptan un distintivo ridículo. Disque a selección galega de fubol, se cadra por constituir un factor identitario, non é apoiada pola Xunta. O frenesí neocentralista e neoliberal dimanante de Madrid (e do núcleo duro FAES) parece que lle esixe diariamente a Núñez Feijóo que dea mostras de vontade antinacionalitaria. E o mellor holocausto que Núñez Feijóo puido facer nos altares da reacción madrileña é o decreto contra o galego que hoxe mantén a Galicia nunha viva e indesexada contradicción. A agricultura e a gandaría retíranse e deixan paso á selva primixenia, pro a prioridade da Xunta é deprezar o idioma. A crise azóutanos, e a Xunta cruza os brazos. Está diante dos fuciños a posibilidade dunha euro-rexión Gallaecia, que só nos podería reportar vantaxes, pro a Xunta non a promove porque sería, para Madrid, anti-española sen dúbida. Do Banco de Terras de Suárez Canal non se sabe cousa. Só miramos nesta Xunta unha fobia galegófoba que nos fire cada día a moitos fillos deste antigo reino que eles queren facer recuar ao tempo das catro provincias en estado puro.