27 de diciembre de 2009
27.12.2009

2010. Ano do Libro e da Lectura

Manuel Bragado

27.12.2009 | 07:30

Ademais de "Ano Santo" e "Ano Novoneyra", ademais de centenario de Seoane e Torrente Ballester, o 2010 será "Ano do Libro e da Lectura". Con esta decisión do Consello da Xunta de Galicia, o PPdeG cumpre o seu compromiso electoral de dedicar un ano da lexislatura a potenciar as accións arredor do libro e da lectura, facéndoo coincidir coa celebración e recursos do Xacobeo.
A celebración dun "Ano do Libro e da Lectura" en Galicia, como un punto de inflexión que situase ás accións arredor do fomento da lectura como un dos eixos principais das políticas públicas, foi unha iniciativa que reclamamos de forma reiterada ao longo da primeira década do século XXI. O informe PISA e outros sobre hábitos culturais (onde, a pesar de lixeiras melloras, continuamos na cola das CC.AA., sexa na compra de publicacións impresas, nos índices de lectura de libros ou na frecuencia na visita ás bibliotecas públicas) amosan que en Galicia temos un serio problema de lectura. E isto, quizais non tivese a maior importancia, se non tivésemos a certeza de que os índices de lectura son hoxe indicadores fiables de benestar, competitividade e innovación empresarial.
Inmersos xa de cheo na sociedade da información, a lectura xa non pode ser identificada como un hábito de lecer de minorías ou élites vencellado ao goce das obras literarias impresas. A lectura na sociedade do século XXI debe ser considerada como unha competencia imprescindible, adquirida por todos os cidadáns, que permite comprender criticamente un mundo saturado de textualidade, sexa impresa ou dixital. A lectura, concibida con esta radicalidade de ferramenta crítica, e o seu fomento –vencellado, tamén no caso noso, á potenciación dos procesos de alfabetización informacional e normalización lingüística– entre todos os sectores sociais e segmentos de idade debería transfórmase na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país.
Mágoa que o "Ano do Libro e da Lectura" que comezaremos a celebrar dentro de catro días non fose preñado desta concepción transversal e, polo momento, apenas sexa un folleto de doce páxinas, onde a Consellaría de Cultura e Turismo recolle a súa política de exposicións, congresos e conmemoracións literarias, presenza en feiras internacionais do libro, elaboración do mapa e plan de bibliotecas ou apertura ao público da Biblioteca de Galicia de Gaiás. Un programa tan ben intencionado como claramente insuficiente para unha celebración que debera contar (a pesar de vivir en tempos de crise) cun maior orzamento e, sobre todo, procurar a corresponsabilidade do conxunto das consellarías do Goberno Galego, como das administracións locais e do asociacionismo da sociedade civil.
Non podemos falar dun ano do Libro e da Lectura en Galicia como tal sen asumir o compromiso da aprobación urxente dunha nova Lei de Bibliotecas, consensuada co resto da forzas políticas e co conxunto do sector de profesionais do libro, como o foi a actual Lei do Libro e da Lectura aprobada na lexislatura do bipartito. Como non se pode entender, tampouco, sen a implicación total no proxecto da Consellaría de Educación, especialmente no que atinxe ao pulo dos seus programas de Alfabetización Informacional e de Bibliotecas Escolares (onde os profesionais do sector están realizando un gran traballo), ou das actividades de fomento da lectura en galego artelladas dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Outrosí sucede coa participación da Consellaría de Economía e Industria, tanto no que atinxe á posta en marcha de programas de innovación tecnolóxica no eido da lectura dixital, como ao recoñecemento efectivo da industria editorial galega como un "sector estratéxico" (tal como contempla a actual Lei do Libro). Do mesmo xeito, a Consellaría de Traballo e Familia ten responsabilidades na promoción de bibliotecas familiares e nos programas interxeracionais de lectura, un fenómeno para o que non existen fronteiras de idade. Como tampouco é posible a gran mobilización lectora que se pretende conseguir sen a implicación corresponsable dos concellos, en boa medida, alicerces do funcionamento da moi insuficiente rede bibliotecaria pública da que dispoñemos no país. Sen esquecer, tampouco, a achega decisiva da radio e televisión públicas, dos xornais privados e do voluntariado da lectura, un fenómeno tan novidoso como eficaz, artellado sexa en clubs de lectura como en exemplares asociacións sen ánimo de lucro (Espazo Lectura, Maislibros, Implicadas/os no desenvolvemento?), que permite crear redes activísimas de lectura presencial ou virtual. Ben sería que para evitar unha nova frustración, os responsables do Goberno Galego reconsiderasen este modelo bonsai de "Ano do Libro e da Lectura".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook