Opinión | Campo de Granada
Galegos de etiqueta
Manuel Bragado
Cada vez son máis numerosas as empresas que escollen a lingua propia do país para a etiquetaxe dos seus produtos e servizos. Tras o sector dos produtos culturais, dende hai décadas pioneiro nesta aposta, xa son moi diversos os sectores económicos e comerciais que prefiren utilizar o galego como lingua vehicular das súas etiquetas xa que nela atopan un valor engadido que incrementa a competitividade e atractivo dos seus produtos tanto no mercado interior como cando son exportados. Dende o sector vitícola ao das augas minerais e gasosas, pasando polo do mel, do aceite e dos produtos cárnicos, dende o da agricultura ecolóxica ao leiteiro, o galego ten unha presenza habitual na etiquetaxe destes produtos como mellor indicador de orixe con autenticidade.
Neste proceso colectivo e solidario, ao que estamos todos chamados, de contribuír a facer país, o sector vitícola leva facendo un importante traballo. Hoxe son 170 as adegas que etiquetan os seus viños en galego coa clara intención de salientar a súa denominación de orixe. Os nosos adegueiros da D.O. Rías Baixas, que pretenden colocar este Nadal os seus brancos nos ateigadísimos andeis das viñotecas de Manhattan ou dos grandes almacéns londinienses, comprenderon que a nosa lingua milenaria non constitúe un obstáculo para ser alí recoñecidos, máis ben todo o contrario, é un sinal de singularidade e diferenciación na homoxeneidade do mercado global. O mesmo que nós consumimos sen prexuízos ningúns produtos etiquetados en idiomas que non utilizamos (e nalgúns casos tampouco comprendemos), os nosos viños etiquetados en galego poden ser identificados por estes consumidores norteamericanos como máis xenuínos e de maior calidade cando son presentados na lingua do Pergamiño Vindel.
Na publicidade actual de produtos de grande consumo é frecuente asociar a utilización das linguas con determinados produtos, un xeito de figura metonímica. Só hai que prender a televisión para poder interrogarse sobre cáles son as razóns polas que nos anuncios os perfumes e cosméticos se asocian en tantas ocasións co francés; os whiskys, a roupa e as zapatillas deportivas co inglés ou as gafas de sol e os aperitivos con alcohol co italiano. Máis alá da eficacia marqueteira do emprego destes estereotipos, é indubidable que as linguas axudan a construír imaxes positivas de determinados produtos, sobre todo cando son asociadas a outras ideas que incrementan valor (calidade, modernidade, tecnoloxía, usabilidade, apertura…).
Neste contexto, parece aconsellable que intentemos emular esta asociación positiva e diferenciadora do galego cos produtos con indicación xeográfica de calidade e, en xeral, con todos aqueles produtos e servizos xerados no país. Non teño dúbidas de que no mercado exterior, especialmente no peninsular, a asociación do galego con determinados produtos (viños brancos, augardentes, augas minerais, carnes, leite, pan, mel, peixe, marisco, patacas e outros produtos ecolóxicos) pode ser entendida como un factor diferencial e o mellor indicador da súa excelencia e calidade indiscutible. Outrosí sucede no mercado interior, onde o emprego do galego na etiquetaxe e na publicidade permitiría que todos os consumidores galegos, todos os que utilizan o galego como a súa lingua de instalación (na máis pesimista das estimacións recentes, máis dun millón de persoas), mesmo todas as persoas comprometidas na promoción da lingua ou nas que simplemente declaran a súa admiración por ela, aplicásemos nas nosas compras un principio de acción lingüística positiva. Teño moi claro que somos milleiros e milleiros de consumidores en Galicia os que a igual calidade e prezo semellante, escollemos sen vacilacións o produto etiquetado e publicitado en galego. Como tamén sei que entre os diversos teléfonos móbiles do mercado, escollemos entre aqueles que nos ofrecen a posibilidade de contar coa súa interface en galego ou entre os servizos de internet optamos por aqueles que ofrecen a posibilidade de usar o galego. Os responsables de comunicación e mercadotecnia das empresas galegas non deben esquecer que unha lingua é un mercado e que o compromiso e o respecto que manteñan coa lingua do país é un factor que valoran moitos consumidores.
A magnífica campaña "En galego consumo gusto", promovida este Nadal polo Foro Enrique Peinador, vencellado a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, asume este valor diferencial e abertamente positivo da etiquetaxe dos produtos en galego. Tras un ano tan díficil para o futuro do noso idioma, tras padecer tan inxustos ataques negacionistas esta campaña sosegada e sensata pon as cousas no seu lugar: "a igual calidade, a preferencia reside nos produto etiquetados en galego".
bretemas@gmail.com
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Un policía de Vigo se disfraza de cartero para pillar a una mujer que compró hachís por internet en Estados Unidos
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Salvador Macip, investigador: 'Ya ha nacido la primera persona que tomará un fármaco contra el envejecimiento
- El líder de Desokupa: «El de Vigo no fue un operativo conjunto, la Policía no trabaja para nosotros»
- Un carguero atraca de urgencia en Vigo tras perder decenas de contenedores en el mar
- Empleados de mantenimiento de Vialia denuncian «amenazas»: «Pasaron de pagarnos 25 euros por los domingos a 3 euros»
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»