A sentenza do Tribunal Supremo, desvelada en exclusiva o pasado martes por “Faro de Vigo” e “La Opinión da Coruña”, que falla contra un pai vigués que solicitaba que o seu fillo fose integramente educado en castelán avala -na liña doutras sentenzas anteriores do Supremo e do Constitucional- a imposibilidade que o marco xurídico actual concede á hipótese do uso exclusivo do castelán na nosa educación obrigatoria, ao tempo que nega dúas das aspiracións dos sectores galegófobos: a posibilidade de separación do alumnado por razón de lingua e o “dereito” das familias a escoller a lingua vehicular de escolarización dos seus fillos e fillas.

Un pao xurídico duro de asumir para os sectores negacionistas do galego e para aqueles que acreditaron irreflexivamente nas mentiras da “imposición del gallego” e da “discriminación del castellano”. Falacias desmontadas pola redacción da sentenza do maxistrado Enrique Cancer Lalanne, da que se poden recoller parágrafos tan clarificadores coma este: “La discriminación se produciría precisamente en el caso de que la Administración autorizase lo pretendido por el demandante, en el sentido de permitir que, a criterio del peticionario, se pudiera cursar un determinado tipo de estudio con olvido o marginación de una de las lenguas concurrentes”. En negro sobre branco: para o Supremo nin hai imposición do galego, nin se discrimina ao castelán en Galicia nin hai a posibilidade de que as familias escollan a lingua durante a educación obrigatoria.

Porén, outra sentenza, neste caso de Alejandro José Galán Rodríguez, xuíz titular de primeira instancia do xulgado nº 6 de Alcorcón, amósanos a triste faciana de cómo as falsidades e prexuízos sobre o galego e tamén sobre Galicia, apupadas polos negacionistas e avaladas tantas veces polo PPdeG, poden chegar a provocar gravísimos problemas de convivencia. Falsidades como as acuñadas sobre a utilización do galego como lingua vehicular nalgunhas materias da Primaria calaron de tal xeito neste xuíz pouco informado que nun auto dun caso de divorcio nega a unha nai de Vigo a custodia e o traslado das súas fillas á cidade nosa aducindo o “desarraigo” que nelas ocasionaría “a inmersión en un sistema escolar en lengua gallega, lengua distinta a la que han sido escolarizadas hasta ahora”. Unha nai viguesa separada das súas fillas polo único “delito” de que no país onde naceu e elixiu volver construír a súa vida se utiliza o galego como unha das linguas de escolarización. É que é o delito desta nai querer vivir en Galicia? Un delirio, cando sabemos que non temos inmersión lingüística ningunha! Un caso de discriminación lingüística tan flagrante con toda a cidadanía galega que por dignididade merecería unhas poucas palabras de condena do presidente da Xunta ou dalgún membro do seu goberno.

Dúas sentenzas ben diferentes que enfrontan a Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, Rafael Louzán ou Corina Porro (por citar dirixentes do PPdeG que abrazaron os argumentos da “imposición del gallego” e da “liberdade de elección”) a resolver o dilema de continuar enleados no nobelo galegófobo ou reintegrarse ao consenso político, social e institucional forxado sobre do idioma durante tres décadas.

A primeira opción obrigaríaos, como demostra esta sentenza do Supremo e unha longa xurisprudencia sobre o tema, a promover a derrogación da Lei de Normalización Lingüística, a modificar o Estatuto, a propia Constitución (medida xa reclamada no documento político de UPyD, o partido españolista de Rosa Díez) e a facer caso omiso das disposicións do Parlamento Europeo que defenden a existencia do multilingüismo naqueles países onde conviven varias linguas oficiais. Sen estas modificacións legais, sen dúbida de grande calado, os membros do PPdeG non terían posibilidade real de satisfacer ás persoas que reclaman o seu dereito a vivir en castelán, sen contacto ningún no sistema educativo, nas administracións e nos servizos públicos co galego.

A segunda opción, suporía para Feijóo e o seu partido participar na reinvención dunha nova civilidade arredor das linguas, recuperando o cabo do último consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística en 2008. Atender ao recente chamado da Declaración Institucional do Consello da Cultura Galega para recuperar os contidos deste plan, como referente de consensos anteriores, e elaborar dende a sede parlamentar o seu desenvolvemento consensuado constituiría unha saída digna.

Feijóo e o seu partido deberán escoller entre situarse coas maiorías sociais, que asumen o galego como lingua de todos e asumen as políticas de multilingüismo activo, ou coas minorías negacionistas do galego, que reclaman para eles o monolingüismo en castelán. Negacionismo ou consenso. Velaí o dilema.

bretemas@gmail.com