En 1959, hai cincuenta anos, morría Ramón Cabanillas. De inmediato, os do grupo Brais Pinto fixémoslle ao poeta defunto unha homenaxe. Esta consistiu nunha lectura dos seus versos e diversos discursos. Para o acontecemento, Reimundo Patiño produciu unha litografía neofigurativa e poderos. Teño diante miña unha foto tirada ao remate do acto, nun salón do Centro Galego de Madrid, que ao tempo estaba na calle de Bailén ou sexa contra a Praza de Oriente. De perfil, vexo Xosé Fernández Ferreiro sorriente e moi animado. Naquel mesmo ano 1959, non sei se antes ou despois do homenaxe fúnebre a Cabanillas, Fernández Ferreiro publicaba o seu segundo libro na colección Brais Pinto: "A Noite". A edición está feita en Madrid, pro o libro foi impreso en Vigo, nas Gráficas Numen de Noya, rúa de Velázquez Moreno. Tamén hai cincuenta anos Lois Soto, Carlos Velo e os amigos refuxiados de México, puñan en circulación a revista "Vieiros" que marcaría un fito no decorrer cultural e político galego da segunda metade do século XX. En "Vieiros" publicaría Fernández Ferreiro algunhas prosas memorabeis de carácter máis ben onírico. Fidel entraba na Habana en xaneiro de 1959.

Fernández Ferreiro (Espartedo, Nogueira de Ramuín, 1931) formou parte do núcleo galeguista de Ourense chamado "Xente Nova", na compaña de José Ángel Valente, Víctor Campio, César Arias, non sei se Serafín Gómez Pato e outros que non me acorda agora. A historia de Xente Nova aínda non foi escrita pero estou seguro de que axiña o citado Víctor Campio evocará para nós aquelas xuntanzas xuvenís. Producto do Ourense dos primeiros anos cincuenta e do ambiente de Xente Nova é o primeiro libro de Fernández Ferreiro, poético coma o segundo. Titúlase Ribeirana do Sil e leva un bonito prólogo de Florentino L.A. Cuevillas, quen mantiña aceso no Ourense da época o facho do galeguismo de anteguerra. Saiu á luz en 1952 e eu linno nese mesmo ano na Biblioteca Pública de Pontevedra, á que chegaban todas as novidades en galego da época, aliás ben escasas.

Logo, Fernández Ferreiro e César Arias "Louxadela" foron traballar a Madrid, e alí se integraron, en 1958, no citado grupo Brais Pinto, onde eu os coñecín ao mesmo tempo. Tras da edición de A Noite, hai agora cincuenta anos, Fernández Ferreiro abandonou a poesía e entrou na narración por dúas vías. Unha, a da lectura masiva de contos e novelas de todas as épocas e literaturas. Outra, complementaria, a de ver todas as películas que pasaban pola distribuidora na que el traballaba e o resto das películas vellas e novas, grandes e ruíns, que se ofrecían nos moitos cines que en Madrid había. É así como Fernández Ferreiro se converteu no home que tén na cabeza todos os argumentos narrativos do mundo.

De volta a Galicia nos primeiros anos sesenta, o noso autor, coa axuda da experiencia lectora e cinéfila acumulada, chegou a ser un novelista magnífico e abundante. Nun galego vivo e ao mesmo tempo moi elaborado, Fernández Ferreiro sabe presentarnos os máis diversos ambientes e figuras facéndoas visibeis con claridade meridiana. As tramas argumentais, por veces intensas e crueis, outras conmovedoras e sensitivas, evolúen de xeito natural. Lendo Ferreiro pasamos, de novela a novela, por moi distintas escenas e situacións. Hai si, un Ferreiro realista, pro tamén abrolla nel unha vea de interiorismo surreal e onírico. Tense sinalado a habilidade do noso novelista para adoptar as convencións de algúns subxéneros (misterio, far-west…) pero o seu pulso maxistral ten a forza individualizadora dunha sinatura con rúbrica. Unha páxina de Fernández Ferreiro é inconfundíbel e dá a sensación de só poido ser escrita por el, trate do que queira.

Hoxe, en Santo Estebo de Ribas de Sil, sitio separado do Espartedo nativo por uns ermos nos que a natureza erixiu extraños e sombrizos megalitos, o PEN de Galicia, presidido por Luís González Tosar, vaille render homenaxe a Xosé Fernández Ferreiro. Alí estaremos, se non hai (espero que non) novidade, para abrazar o grande escritor contemporáneo.