24 de octubre de 2009
24.10.2009
De Bolina

Píos transvases

Xosé Ramón Pereiro

24.10.2009 | 02:00

Non; non se me vaian trabucar aínda os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais. As liñas que seguen, a pesar do equívoco que poida supoñer o título que as preside, non están referidas a ningunha sorte de trasfega, transvasamento, transfusión€ hidráulica entre, que sei eu?, o Texo e mais o Segura, o Ebro e mais o Turia, Ter-Llobregat ou, xa postos, entre a auga da fonte e mais algún (mal) viño do país, por moito que as milagreiras vodas de Caná xurdan polo medio e medio. Iso si; xa que de Caná falamos, cómpre matizar que algo de evanxélico si que as andará a percorrer, despois de todo. Tentarei explicarme decontado.
Como oportunamente informaron os diferentes medios de comunicación e como tamén, sen dúbida, han de coñer puntualmente todos Vdes., velaí que a Igrexa Católica, Apostólica e Romana vén de admitir no seu seo (sic) a todos aqueles cregos anglicanos que así o desexen, sen ter en conta que no seu DNI –ou o documento que lle corresponda en territorio de guiris- signifique "casado" no apartado referido a "estado civil". Traducido: que, segundo as estimacións máis fiables, estamos a punto de asistir a un transvase duns trinta-cincuenta bispos, máis dun centenar de sacerdotes e arredor de medio millón de fregueses, todos eles dispostos a abandonar a disciplina da súa Gobernadora Suprema, a moi graciosa –é un dicir- raíña Isabel II, e mais o arcebispo de Canterbury e pasar a vestirse co amarelo e branco das elásticas do poderoso F.C. Vaticano. Nin que dicir ten, todo un éxito de xestión estratéxica, por parte de Bieito XVI e a mais súa directiva, que deixa como simples aprendices esoutros levados a cabo, poño por caso, pola Cristiana Ronalda Igrexa Merengue, liderada polo abade Florentino Pérez.
Xa sei, xa sei. Retrucarán algúns "sábelotodo" explicando que, en realidade, Roma permitía xa o casamento de cregos católicos uniatas, melquitas ou sirios e que só esoutros de rito latino –os "pata negra", vaia- non podían disfrutar (¡?) do privilexio (!!??) do matrimonio. Doutra parte, ben poden engadir tamén que as diferenzas doutrinais entre anglicanos e católicos non supoñían, nin supoñen, un obstáculo insalvable desde o punto de vista teolóxico. Ou que vén ser o mesmo: se sabido é que todos os anglicanos bos –como acontecía cos negritos de Antonio Machín- tamén van ao ceo€ por que, daquela, semellante fuga en masa? Ai amigo!, pois porque, digan o que digan, non che é o mesmo! Velaí que che é ben diferente, xa chegados ao caso, subir ás Alturas viaxando en primeira clase, transportado por unha compañía de recoñecidos prestixio e solvencia, atendidos por anxelicais aeromozas/os/es –sabido é que non teñen sexo, iso si- que ter que afrontar tan complicada viaxe confiando nas moi discutibles bondades dunha simple aeroliña low-cost que, módica si que o será, pero que vai saber ti a cantos quilómetros de distancia te deixa, en realidade, do centro do Paraíso! Aforrando por aquí, economizando por alí, racaneando por máis aló€ non faltan noticias dalgunha ánima –en pena, claro é- que, na vez de chegar tranquilamente a Edén Termini, aínda anda perdida a estas horas no medio dos procelosos, e moi pouco recomendables, arrabaldes de Purgatorio Ave., con medo de carteristas, malandros, lurpias, trasgos, íncubos e súcubos, demos en xeral, sempre a rondar, na procura de atraer os incautos cara ao lado escuro, atados ás horrendas tebras da terra de Mordor.
"Nada diso" –obxecta, porén, algún impio revolté-. "O que acontece é que, por moito que se chufen do contrario, a clientela vaticana vai de capa caída. Cada día teñen menos clientes, digo seareiros; teñen que buscalos mesmo debaixo das pedras". Cada día menos, din? Réprobos! Pérfidos e proscritos herexes! Acaso lles parece pouca clientela eses vinte millóns de pías criaturas –vale: poñamos que tan só dous millóns, como proclaman os agnósticos- manifestándose con devota alegría polas rúas e prazas de Madrid adiante? Máis ben todo o contrario: os seus asesores vanlle ter que aconsellar ao Papa que peche de novo as portas se é que non quere que, ao final, entre anglicanos convertidos, ortodoxos a medio converter, evanxélicos, luteranos, anabaptistas€ -que igual se deciden apuntar calquera día destes e mais, desde logo, os que fan a reserva por Internet- os católicos de-toda-a-vida van quedar sen entrada; vaia, que por algo escrito está que os últimos han de ser os primeiros no reino dos ceos! Aínda ben, iso si, que para os bos impíos, tanto lles ten: despois de todo, eles non esqueceron que Deus está en todas as partes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine