Manuel Outeiriño descubriu un texto inédito e se cadra extraviado de Florentino L.A. Cuevillas, quen, por cima de pai da nosa prehistoria, foi home de pensamento robusto e prosador en galego de grande fineza. O manuscrito apareceu en cas de Elvira, a miña amiga e filla do mestre ourensán. En breve, as páxinas descoñecidas de Cuevillas sairán da longa noite na que xacían e verán a luz n´ A Trabe de Ouro. Trátase dun escrito político, posibelmente dirixido ao Partido Galeguista en ocasión de alguna súa asamblea nos días republicanos e na década dos tinta. Entre outras cousas, Cuevillas descorre sobre o profundo sentido de inferioridade que prendeu en masas de galegos. Masas que, para Cuevillas, se sentiron humilladas e se desprezaron a si mesmas. Moitos galegos, a partir dos inicios da Idade Moderna, condo Pardo de Cela foi decapitado e no noso Reino resultou devaluado, se envergoñaron de si mesmos e desexaron ser outra cousa. A lingua e as características culturais propias parecéronlle "desprezabeis". E víronse impelidos ao suicidio colectivo como pobo. Suicidio cultural cuxo resultado foi considerar o noso como ruín e o alleo (castelán) como excelente. Milleiros de galegos dos tempos modernos e contemporáneos desexaron non ser galegos. Esta é a razón pola que castelanizaron a súa lingua galega e, cando puideron facelo, sustituírona polo idioma que sentían superior. Este idea de Galicia como un pobo suicida, en parte, foi empregada tamén por Castelao nas súas argumentacións patrióticas.

A partir do reinado de Isabel a Católica, a raíña usurpadora, instálase en Galicia un funcionariado real que usa o castelán. Nos cabidos, nas notarías, nos tribunais, en toda a administración faise desaparecer o galego. A oligarquía nobiliaria convertese en absentista e as grandes rendas son xestionadas por persoas procedentes de fóra. Os mosteiros benidictinos pasan a depender de Valadolide e outras relixións teñen temén as súas cabezas rectoras no exterior. Unha avenida de diñeiro infinito sae de Galicia para Castela a partir do século XV e deixa eiquí unha seca de recursos e un reino colonizado que a cidade de Zamira representa nas Cortes. É así como se modela o individuo galego subalterno que desexa non ser galego e falar castelán sen acento. Eis como se orixina o que Cuevillas e Castelao chamaron "a Galicia suicida". Sigue a haber unha parte do corpo social galego que desexa desnaturalizarse por completo o e deixar de ser galega.

Durante os séculos XIX e XX, e a partir das palabras fundacionais do P. Sarmiento, fóronse consolidando elites culturais e políticas recoñeceron o galego como idioma (non dialecto) e Galicia como nación con aspiracións de autogoberno. O orgullo de ser galego foise extendendo e medrou a masa dos descolonizados. Nos nosos días a conciencia de ser galego prendeu nos sindicatos obreiros, nas organización campesiñas e en franxas importantes da pequeña burguesía, especialmente nas camadas máis cultas. Certamente, a tendencia ao suicidio non foi erradicada e tal pulsión anima a grupos de acción política e cultural. Mesmamente, no gobernó autonómico existen hoxe proxectos tendentes a abolir, a curto prazo, a lexislación protectora do galego.

Esta a situación na que nos achamos. Os galegos e as galegas leais á propia a lingua e orgullosos de ela vanlle facer unha será advertencia ao gobernó autonómico actual. O próximo domingo Compostela vai acoller unha manifestación máxima que fará mudar o rumo da política lingüística da Xunta de Galicia. Aló estaremos.