06 de octubre de 2009
06.10.2009

Un virus imparable ataca á Prosodia

Alfonso Álvarez Cáccamo

06.10.2009 | 00:35

Non se asusten co título deste artigo de prensa. Non se trata dun novo virus letal que rematará coa Humanidade. A Prosodia tampouco é un órgano do corpo humano, e moito menos un atributo masculino. Só, e nada menos, se trata da parte da Gramática que estuda e dá normas para a correcta pronunciación das palabras. Para que os lectores dun texto escrito poidan facelo con correccción inventouse o acento ortográfico situado na sílaba pertinente e así, en castelán pronunciaremos médico como aquel profesional que exerce a carreira de Medicina, medico (sen acento ortográfico) que indica o presente de indicativo do verbo medicar en primeira persoa ( eu medico, eu expendo unha receita a un pacente) ou medicó (en terceira persoa, que indica que el ou ela receitaron no seu día Aspirina, por exemplo). Só un til, un pequeno trazo inclinado sobre a sílaba correspondente, nos indicará as diferencias dunha palabra, MEDICO, conformada por seis letras. Pero é moi importante a diferencia cando a escrita pasa á Prosodia, cando pronunciamos o que lemos.
Hai uns anos, nestas páxinas do FARO, denunciei a deturpación na pronunciación característica do galego por parte dos medios orais de comunicación, a Radio e e Televisión e atribuina, erroneamente, á chegada a estes medios de xente foránea que aprenderan "un idioma de laboratorio". Rectifico e pido perdón. Estou seguro que eles/elas falan espontaneamente un galego mellor co meu. Escoitando con atención e, porque teño a sorte de posuir un fino, finísimo, oído, unha das poucas virtudes orgánicas das que podo presumir e presumo, cheguei á conclusión de que esa deturpación prosódica que se produce na Radio e na Televisión galegas tamén, e en maior medida, se produce nos medios que se expresan en castelán e só ten a súa orixe nas présas, na urxencia informativa marcada polos segundos destinados a cada unha das noticias, coa excepción do tempo dedicado a falar dos deportes, cando o mundo se relaxa. A falta de dirección pausada e de reflexión por parte dos dirixentes dos medios de comunicación orais provoca que non se deteñan a dar pautas, polo ben dos idiomas, para que os profesionais da palabra pronuncien correctamente sen que as esdrúxulas se convertan en graves, e as graves en agudas.
Afinen o oído e escoiten o Telediario da TVE 1, na que dá as noticias desde hai varios anos unha experta profesional. Dirá cousas coma estas: " Ayer pola tardé fueron detenidós cuatro presuntós implicadós en la tramá del contrabandó de cocainá". Despois de explicar o asunto, que non o "tema" como adoitan dicir, suspira e dí unha frase para min inentendible:" Cambiamos totalmente de asuntó". Eu pregúntome sempre qué significa "cambiar totalmente de asunto". ¿Cal é o troco nas antípodas emocionais dunha información verbo da cocaína? ¿Os bebés? ¿Non abondaría con dicir cambiamos de asunto e deixar o "totalmente", unha palabra cuadrisílaba que tarda tres segundos en pronunciar?
Na Televisión Galega sucedé exactamenté o mesmó: as presás prosodicás das noticiás aceléranse consonte se aproxima o tempó dos informativos dos deportés, o máis importanté, o opio do pobo, o que mové o país, este e calquera, dá o mesmo. Non esaxeró. Fagan a probá e pronuncien mé-di-co ( dous segundos), me-di-co ( un segundo e medio de tempo) e me-di-có (un segundo), e verán qué é máis doado falar coma os franceses, todo en agudo. Verán como gañan moito tempo ao cabo do día. Dentró de cen anós todós pronunciaremos ao xeito alonsanfán-delapatrí o castelán e o galegó, se sobrevive despois de Feijóo quen, por certo, ten un apelido castelanizado e acentuado en agudo, con présas, co til situado un pouco antes da extrema dereita.
Cambiemos (totalmente) de asunto, e falemos dos anuncios. Os anuncios non son os telexornais nin os telediarios. Deberian coidalos máis na prosodia, porque o seu tempo de emisión non está presionado polo futbol, e elabóranse con calma. Sen embargo o virus da Prosodia rápida tamén está infectando o mundo da publicidade e mesmo consegue trocar anuncios ben intencionados por anuncios maleducados. Se non, non se explica que unha casa farmaceútica emita un anunció na televisión que comeza cunha pregunta a unhas mulleres –non hai un só home– que sofren un problemá habitual da idade: "¿Perdidas de orina?" e non "¿Pérdidas de orina?". Tal como se escoita, o virus da Prosodia rápida agrédeas no máis íntimo ao preguntarlles a esas mulleres se están perdidas de orina, ou sexa, molladiñas, pringadas, entendámonos.
Resgatemos a Prosodia ensinada polos vellos mestres, aqueles que sabían facernos rir con aquilo de que "en el tiempo de los apostoles había unos hombres muy barbaros que se subían a los arboles y mataban a los pajaros".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine