27 de septiembre de 2009
27.09.2009
Campo de Granada

Ás voltas coas dotacións

Manuel Bragado

27.09.2009 | 01:54

A pesar do tempo de auténtico verán do que gozaremos até fin de mes, comezou o novo curso escolar (e tamén o político) e os problemas adiados aparecen outra volta sobre a mesa na procura de solucións. Na nosa abella da ribeira, alá no remate da primavera deixamos esquecidas as polémicas sobre as ubicacións dunha Biblioteca Pública do Estado e dun Centro de Emerxencia Social, dotacións públicas das que a nosa cidade carece.
Ao longo dos meses do verán na ubicación da Biblioteca Pública moveuse unha peza. Diante das dificultades xurídicas e da forte oposición de alumnado e profesorado, parece que o goberno municipal desbotou a posibilidade de instalala no edificio da Escola de Artes e Oficios doado por García Barbón, procurando agora a fórmula legal e técnica que permita facelo no Auditorio de Beiramar en construción. Sería esta unha solución, cando a marxe de tempo dispoñible xa é moi estreita, que evitaría perder o investimento comprometido polo Goberno (xa se levan retrasado máis dun millón de euros dos aprobados polo ministro César Antonio Molina), ao tempo que "facilitaría a viabilidade" do proxecto do Auditorio, que pretende ser inaugurado en 2011, pouco antes das vindeiras eleccións municipais.
Porén, esta alternativa presentada ao Ministerio de Cultura ao comezo do mes de xullo, non está exenta de problemas, tanto referidos a súa viabilidade xurídica (a fórmula de construción e xestión do Auditorio é froito dun concurso sometido a un prego de condicións), como ao propio encaixe das instalacións bibliotecarias nun edificio en construción moi avanzada e no que a esta altura sería posible introducir moi escasas modificacións na distribución dos seus interiores. Non deixa de inquedarnos que os responsables do goberno municipal vigués utilicen nas súas declaracións "tres ou catro mil metros cadrados" como a superficie necesaria para esta biblioteca, cando sabemos que as máis recentes instalacións deste tipo, as de Santiago e Melilla, acadan os sete mil; podemos imaxinar unha biblioteca estatal viguesa con espazos e servizos inferiores a elas?
Tamén hai dificultades para abrir o Centro de Emerxencia Social. Neste caso o nobelo reside en desenredar os fíos dos intereses políticos enfrontados sobre os usos do edificio da Gota de Leite, situado ao pé do Campo de Granada, propiedade da Xunta de Galicia, que pretende a Alcaldía para ubicar alí as novas instalacións da Policía Local. A pesar de estar rematado o seu arranxo interior, nin a Consellaría de Benestar Social nin a Alcaldía o consideran axeitado para usalo como albergue, comedor e centro de acollida para as numerosas persoas que precisan de teito, calor ou axuda (como tiña previsto a Vicepresidencia da Igualdade e Benestar). No entanto, ás portas dos meses do inverno, non se avanza, tampouco, nunha solución sobre a ubicación do Centro de Emerxencia, a pesar de que o propio Valedor do Pobo urxise este mes de setembro á Consellaría de Benestar a que aclarase "cáles van ser os fins sociais" do edificio da Gota de Leite e en "que data" se van poñer en marcha, tras unha queixa formulada por varias oenegués. Nin se abre a Gota de Leite nin se proporciona unha solución alternativa. Entón, a que agardamos?, pregúntanse os numerosos colectivos sociais que se manifestan reclamando unha solución para un problema cuxa existencia a todos debería avergonzarnos.
As dificultades para atopar ubicación da Biblioteca do Estado e do Centro de Emerxencia son apenas síntomas da absoluta ineficacia do planeamento vigués respecto a espazos dotacionais sociais, culturais e educativos. É lamentable que tras a aprobación do PXOM non se resolveran ningunha destas cuestións, nin tampouco se insistise nelas como claves do proxecto de cidade futura. Non teño dúbida ningunha que na cidade hai espazos abondo para ubicar a Biblioteca do Estado (dende varias edificacións e naves na rúa Jacinto Benavente, preto do novo Auditorio, a outras no mesmo centro do Calvario), para construír unhas instalacións dignas para a Policía Local ou para desenvolver os proxectos de Fórums Metropolitanos, esas dotacións polivalentes nas que deberían integrarse os servizos sociocomunitarios básicos para cada un dos nosos centros urbanos de Travesas-Coia, Calvario, Teis e Bouzas (Fiestra Municipal Única, Seguridade, Centros de Maiores, Ludoteca, Biblioteca, Teatro, Locais de ensaio, encontro e estudo para mozos e mozas ?). A difícil tarefa da humanización dunha cidade policéntrica coma Vigo empréndese tanto arranxando rúas e viais como desenvolvendo estas dotacións convivenciais. Mentres en Vigo adiamos dotacións, o concello da Coruña acaba de inaugurar a Biblioteca do centro cívico dos Rosais. Outra volta, neste eido deberiamos tomar boa nota do modelo coruñés.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook