A educación, refírome ao ensino, non ás boas maneiras, estase convertendo en carne de reality show, con perdón. Nas últimas horas temos presenciado un tremebundo boureo no Parlamento galego por causa de a que colexios mandan as súas señorías os nenos (os seus de cada un), e por outro lado, hai un clamor indignado porque a OCDE, que é o club dos países aceptablemente desenvolvidos, ten a España clasificada nos últimos lugares pola formación que teñen os seus cidadáns. E contra o que poden estar pensando os mal pensados (non falo de vostede, estimada sogra), o primeiro non deriva do segundo.

O primeiro, é dicir o pifostio no Parlamento do Hórreo (que, como saberán, chámase así pola rúa compostelá onde está situado, non porque sexa un símbolo enxebre) debeuse a que o conselleiro Vázquez (nesta lexislatura hai tanta sobredose de Vázquez que habería que numeralos), o de Educación, levou mal as críticas da oposición. Desde as que lle reprochaban que quitase o préstamo universal dos libros e o substituíse pola gratuidade aos menos, pero máis desfavorecidos, ata que subvencionase os colexios que separan aos nenos das nenas (que os separan en todo momento, en aulas distintas, non cando se aproximan entre si). Foi entón cando Jesús Vázquez (o conselleiro, non o presentador) acenou cuns papeis nos que, segundo el, figuraba a lista dos dirixentes da oposición que teñen os fillos neses colexios separatistas. A cousa acabou nese clásico "agárrame, que lles dou", co deputado popular Negreira no papel do amigo que agarra. Sen ánimo de encirrar, en primeiro lugar, que fai un Vázquez coa lista dos colexios dos fillos dos seus compañeiros de cámara? En segundo, tentando poñer algo de sentido nesto, os promotores das segregación por xénero argumentan que nenos e nenas teñen procesos de maduración distintos, e polo tanto esixen educacións individualizadas. Procesos de maduración hai tantos como persoas, e sempre é máis doado formar a grupos homoxéneos: por nivel de intelixencia, por extracción social, sen inmigrantes polo medio aos que haxa que explicar de todo… pero na vida real non hai esa homoxeneidade, e a educación pública ten que garantir o acceso universal, non os caprichos, e máis se hai que mirar polos cartos. Se os pais queren que os seus fillos non anden mesturados, que os apunten a eses centros concertados que polo menos tentan homoxeneizar manobrando coas admisións.

O outro asunto, o habitual informe da OCDE que nos pon a caer dun burro, nunca mellor dito, tamén hai que quitarlle ferro. O que di o estudio é que por primeira vez, o número de xente con estudios superiores e medios supera aos que soamente teñen os primarios obrigatorios (51% a 49%), cousa que está ben. O que está mal é que a porcentaxe de xente con estudios superiores é lixeiramente maior da media da OCDE e da Unión Europea, pero a dos que teñen estudios medios (bacharelato ou FP) son a metade da media civilizada (unicamente se dá mais abandono dos estudios en México e Portugal), e os que soamente teñen os primarios son un 18% máis ca media. Sempre que sae este informe hai quen lle bota a culpa ás reformas educativas, e en concreto ás impulsadas polos socialistas. Teñen razón: se non houbera reformas como o ensino universal, obrigatorio e gratuíto, e unicamente estudaran os que queren e os poden (aquí podemos aplicar a teoría dos grupos homoxéneos de antes) e non todos, queiran ou non, habería moito menos fracaso escolar. Pero tamén hai outras causas que recolle ese mesmo informe pero que non levantan tanta indignación: España tamén é o antepenúltimo estado en gastos de educación. Destinou o 4,3% do PIB, mentres a media é do 5,2%, con cifras de 2006.

Non todo se amaña con cartos, pero investir máis na educación pública seguro que axudaría máis que medidas como a proposta polo Defensor del Pueblo, Enrique Múgica, nun dos seus esporádicos despertares, e que subscribe con entusiasmo o PP: que se acabe o tuteo nas clases. Non digo que non puidera ser efectivo, pero no Hórreo trátanse de vostede e miren o que pasa.