30 de agosto de 2009
30.08.2009
Campo de Granada

Celso Emilio Ferreiro, 30 aniversario

Manuel Bragado

30.08.2009 | 06:21

Mañá, 31 de agosto, hai trinta anos que morreu na súa casa da avenida de Castrelos Celso Emilio Ferreiro, o noso poeta maior da paz, a liberdade e a esperanza. Sabemos daquelas súas últimas horas viguesas polas testemuñas recollidas no epílogo do libro de conversas co poeta preparado por María Xosé Porteiro e José Antonio Perozo. Aquel 30 de agosto de 1979 caeu nun xoves moi caloroso. Celso Emilio quedara xantar no centro con Suso Vaamonde, que lle agasallou un exemplar de "Limiar", o elepé dedicado á emigración e composto por textos de poetas galegos, a maior parte contemporáneos (Ferrín, Cabana, Novoneyra ou do propio Ferreiro, de quen se incluían dous poemas, un deles o que dá titulo ao álbum). Tras o xantar, o poeta atendeu na súa casa a un equipo de televisión e preparábase para unha festa familiar con motivo da voda do seu fillo Xosé. Nada agoiraba que Celso caíse fulminado a media noite por un repetino ataque ao corazón.
Dende entón, transcorridas tres décadas, a presenza do autor que reclamou "voz e voto" continuou na memoria cívica e literaria de cada unha das nosas xeracións, cubrindo o baleiro inevitable que a súa ausencia deixou na casa de Moraima ("Cando quero vivir digo Moraima"). A ninguén pode extrañar que Celso sexa o poeta que máis homenaxes populares continúa recibindo (o máis recente foi o que onte mesmo lle tributou na súa Celanova natal a asociación Arraianos). Homenaxes iniciadas naquela verdadeiramente extraordinaria, a do 28 de outubro de 1979, apenas dous meses despois do seu pasamento, organizada polos sindicatos de CC.OO e UGT (en realidade por unha comisión formada por Benedicto, Arturo Reguera, Chichi Campos e Xesús Redondo Abuín). Dez mil persoas chegadas de toda Galicia ateigaron o pavillón do Sar de Santiago onde se cantaron, recitaron e festexaron de forma emocionada as palabras dun poeta inmensamente querido pola súa xente. Mentres polo escenario pasaron trinta e sete participantes (cantantes, poetas e oradores), presentados por Víctor F. Freixanes, nas beiras das bancadas Xaime Quessada e Felipe Criado pintaban os seus murais, e algunhas persoas do público podían entrar na instalación do escultor Iñaki Basallo, unha longa caixa negra, que representaba a "Longa noite de pedra". Á gran homenaxe galega, sucedeu a celebrada no pavillón de deportes de Madrid o 13 de novembro de 1979. Homenaxes que continuaron en 1989, coincidindo co Día das Letras Galegas, en 2002 con motivo do corenta aniversario da publicación de "Longa noite de pedra" e en 2004, coincidindo co vinte e cinco aniversario do seu pasamento e da edición da súa obra completa narrativa e poética en galego por parte de Xerais, alén do interese permanente que pola promoción da súa obra manteñen a Casa dos Poetas da súa Celanova natal e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
A semellanza dos poetas galegos do século XIX, Celso Emilio pretendeu que a súa obra e a súa voz poética resoasen na conciencia da sociedade. E abofé que o conseguiu. A súa é a voz perenne dun escritor nacional, como no Rexurdimento o foron as de Rosalía, Curros ou Pondal. A súa é unha voz que pon, e segue poñendo, o dedo na chaga ("si temos semellantes as feridas, / como un irmau che falo"). A súa é unha voz coraxuda que investigou a verdade do seu tempo, velaí para el a función da poesía (unha forma de comunicación e coñecemento). A súa é unha voz obsesiva a prol da paz, da liberdade e da esperanza.
Trinta anos despois, os textos de Celso Emilio conservan plena vixencia na díficil angueira da sociedade do século XXI necesitada de luces que axuden a continuar na loita contra a inxustiza, o paro, a emigración, a guerra ou a destrución da natureza, ou a defender o tesouro da lingua de todos, temas fulcrais nas preocupacións do noso poeta. Textos, que máis alá da súa presenza nos seus libros (afortunadamente todos os galegos, actualizados e a disposición dos lectores), corren en forma de máis de trescentas cancións, traducidas a máis de vinte linguas e musicadas por autores das máis diversas procedencias e estéticas. Celso é o letrista máis prolífico da música de noso. Hoxe resoa na conciencia da sociedade por medio dos ritmos rap de Dios ke te crew, como noutrora o fixera da man de Voces Ceibes, Benedicto, Bibiano, Fuxan os Ventos, Pucho Boedo, Luís Emilio Batallán, Astarot, Pilocha ou Suso Vaamonde.
Neste trinta aniversario, aconsello revisitar a Celso Emilio, sexa escoitando as súas cancións (magnífico é o disco da fotobiografía sonora de Ouvirmos), sexa lendo os seus poemas ou os seus artigos de "Faro de Vigo" (publicados na sección "La jaula de los pájaros raros", recuperada no volume editado por Xerais baixo o título "Semblanzas, crónicas e artigos"). Escoitar e ler a Celso Emilio Ferreiro acouga o espírito e mobiliza a razón.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook