Celebra a Coruña, e Galicia enteira, que o seu pharos fose declarado patrimonio da Humanidade. Esta columna súmase ao coro dos xubilosos e advirte que, ademáis do que hoxe se chama patrimonio material, na Torre da Coruña habita tamén o de natureza inmaterial. Esquénzans das lendas tardías referidas á Hércules e a Xerión. Pensemos, de inicio, nos nomes do faro tal e como aparecen en Paulo Orosio e no Lebor Gabhóla Erean, ou Libro das Conquistas de Irlanda. Nese texto medieval figura a torre de forma principal e como eixo de todo un relato. Por ser construida polo rei Breogán, chámase Tuir Breogain. Non só é un faro, senón tamén una residencia na que nacen varias xeracións que logo descubrirán e conquistarán Irlanda. A torre tamén recibe no texto irlandés o nome de Brigantia, que algo terá que ver coa cidade portuguesa de Bragança e coa comarca pondaliana de Bergantiños. Segundo o relato, a torre de Brigantia servía tamén como observatorio fantástico. Desde o súa cima podíase enxergar Irlanda, e máis concretamente a foz do seu río principal, que é o Shannon. Noutro relato, esta vez latino e tamén medieval, dun tal Trezenzonio, na Torre estaba instalado un sistema de espellos que permitía ver una illa prodixiosa, que neste caso non era Irlanda senón o Alén ou o Máis Alá Eterno. Poucas persoas teñen reparado no feito seguinte: no Labor Gabhála cóntase que os Gaels (ou sexa os de Brigantia ou sexa os de Galicia) son os que levaron a lingua irlandesa á Illa, que desde entón recibe o nome de gaélico. E gaélico non pode ser outra cousa que unha celtización de gallaicus ou sexa galego.

Se vostedes vistan a Academia Galega poderán solicitar para consulta o exemplar da traducción francesa do Lebor Gabhála que manexou e estudou Murguía. Alí, marcado cun papeliño de cor amarela, encontrarán as pasaxes famosas nas que se fala da fundación de Brigantia, da Torre de Breogán, deste personaxe, de Broth de Ith, de Ameirghin e de todos os que ían e viñan de Galicia a Irlanda polo mar. Se despois len o libro de poemas de Luz Pozo Garza titulado As harpas de Yverddon encontrarán esta materia mítica posta en verso contemporáneo de calidade fascinadora.

Por se todo o dito fose pouco, debemos lembrar que o constructor da Torre de Brigantia, Breogán, ocupa un posto central no Himno Nacional, co cal se incorporou ao noso imaxinario colectivo. De xeito que en Coruña alguén se ten que pór a traballar para divulgar, en toda Galicia, o conxunto de mitos e relatos que se condensan en redor da Torre que nós persistimos en non querer chamar de Hércules.