24 de mayo de 2009
24.05.2009
campo de granada

Trasacordo

Manuel Bragado

24.05.2009 | 04:31

Cando non temos as ideas moi claras e definidas sobre un asunto, a condición antropolóxica do galego permítenos acudir á salvadora institución do "trasacordo". Marcial Gondar Portasany, profesor de Antropoloxía da Universidade de Santiago, ten estudado este substantivo galego que implica todo un compendio de comportamentos téoricos e prácticos. Se consultamos o "Dicionario Xerais da Lingua" o "trasacordo" é "o cambio de opinión con respecto a algo acordado con anterioridade". Porén, Gondar introduce a esta definición un matiz moi clarificador: sen dúbida o "trasacordo" é a revisión dun acordo ou determinación que se adoptou, un volverse atrás no camiño andado, mais para "percorrelo por outra vía ou doutra maneira". O galego que utiliza o procedemento do "trasacordo", cando xa tiña decidida unha cousa, de súpeto muda de opinión e, simplemente, deixa de facela. Se alguén lle afea este comportamento, ao galego abóndalle proporcionar esta explicación: "Tiven un trasacordo". E todos tan felices diante de tan comprensible argumentación.
Institución tan galega como a do "trasacordo" acáelle como anel a algunha das decisións do Goberno Galego durante o seu primeiro mes de mandato. Acudindo ao "trasacordo" comprendemos o sentido do comportamento de Alberto Núñez Feijóo sobre a política lingüística do seu Goberno, situada unhas veces na sumisión máis estrita aos mandados galegófobos de Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez e, outras pola contra, nas posicións de fomento do galego acuñadas por Ramón Piñeiro. Outrosí, sucedeu coas axudas para a adquisición de vehículos, prometidas polo conselleiro de Economía e Industria, logo desmentidas polo presidente, e, máis tarde, acordadas polo consello da Xunta. Como as prometidas rebaixas fiscais, agora reducidas á adquisición de vivenda por parte dos menores de trinta e cinco anos, sen limitación dos seus ingresos. O alongamento durante un ano da moratoria de construción nos cinco centos metros da beiramar ou a posta en marcha da lei de dependencia, adiada por mor dese desfase orzamentario que, como auga de maio, xustificaría a imposibilidade de poñer en marcha a maior parte das medidas prometidas naquela porcallenta campaña electoral que, agora, xa ninguén do PPdeG quere lembrar. Apenas trasacordos rutineiros, que lle permiten ao noso presidente enfocar as súas políticas por outros vieiros e que non merecen outra explicación política: "o presidente Feijóo tivo varios trasacordos". E todos tan felices diante de tan irrefutable argumentación.
Porén, o mais notable dos trasacordos do presidente Feijóo é o referido á creación da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo. Unha medida valente coa que se iniciaba un proceso (que hai menos dun mes parecía irreversible) de reordenamento da administración e do propio territorio, unha das maiores necesidades do país. Unha medida que, ademais, supoñía no caso de Vigo un novo pulo á creación das áreas metropolitanas e rexións urbanas. Mais abondou unha presión livián de Telmo Martín, o candidato popular á alcaldía do concello de Pontevedra, para que o noso presidente tivese outro dos seus xa característicos "trasacordos": "Vigo terá os mesmos servizos que atá agora", frase que pon moi ás claras que todo vai quedar como estaba. As consellarías de Mar, Facenda e Traballo e Benestar terán as súas dependencias en Vigo, como viña sucedendo co Goberno Bipartito, o resto, incluídas as de Economía e Industria e as de Educación, continuarán na capital provincial. A tan cacarexada "superdelegación" da Xunta no Vigo metropolitano queda reducida apenas á presenza da "superdelegada", Lucía Molares, con funcións estritamente políticas. Nada de nova administración territorial. Nada de nada.
No entanto, a diferenza doutros, este trasacordo sobre a delegación da Xunta en Vigo –cunhas competencias semellantes á oficina da Xunta de Galicia na cidade de Ferrol–, obriga ao presidente a dar unhas cantas explicacións. Aquí non vale o socorrido argumento de que o "presidente tivo un trasacordo". Aquí semella que o que funcionou foron as artes do engano e da hipocresía política, vendendo por ouro o que apenas constituía unha ganga en tempo preelectoral. Temos dereito a coñecer se Feijóo recuou pola presión dos responsables do seu partido en Pontevedra (que cren poderán, por fin, arrebatarlle a alcaldía ao BNG) ou se, simplemente, o desta descafeinada delegación viguesa sen competencias foi outra das esaxeracións de mercadotecnia política e publicitaria ás que tan afeito nos teñen as responsables do Partido Popular en Vigo. Corina Porro e Alberto Núñez Feijóo deberían dar unha explicación convincente. Isto non é un "trasacordo", é unha falta de respecto en toda regra á cidadanía viguesa.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook