01 de mayo de 2009
01.05.2009
Faro de Vigo
os camiños da vida

Panificadora

X. L. Méndez Ferrín

01.05.2009 | 01:34

Unha das novelas galegas contemporáneas máis do meu gusto, é da autoría de Xosé Cid Cabido, titúlase Panificadora. Cando eu era neno impuña moito a mole da Panificadora do señor Valcarce, un empresario procedente de xíneas fidalgas e de Ferreira de Pantón que posuía a tamén a maioría corporativa do Banco de Vigo e dos Travías, incluíndo o tren eléctrico a Baiona (non o de Porriño). Un emblema da comporaneidade, da innovación e da bela arquitectura industrial da cidade en que vivo eran os inmensos cilindros e as terrazas vastas e o resto do conxunto da Panificadora, construída en betón e en pedra de grá aos mesmos pés do monte do Castro. A Panificadora ergue a súa mole entre dúas rúas de orixe medieval, a Falperra (que foi bairro extra-murallas) e a Rúa de Santiago: ambas existen máis ou menos.
Hai anos coma area, a Panificadora era veciña dunha parte da cidade que impresionaba polo seu carácter heteroxéneo e cheo de vida. Diciamos a Rúa de Santiago, pero tamén eran fermosas as escaleiras da subida ao Castelo e o espazo alto que nós chamabamos Campo de Marte, O Paseo de Alfonso, coa acera voada, o templete de Palacios e a harmoniosa liña de casas en cuxos vidros pintaba o solpór luces oceánicas estaba alí, coa oliveira simbólica de Vigo incluída. A carón, o tambor e as cornetas da tropa resoaban no interior do Castelá de San Sebastián, un forte da Idade Moderna rexo e racionalista, co seu campo de instrucción á frente. Un Castro coidado mimosamente ao estilo dos veciños montes de recreo e devoción portugueses completaba o arredor da Panificadora.
Hoxe, o espléndido esdifio da fábrica industrial de pan está desocupado e camiñando aceleradamente á ruína. As partes antigas do seu entorno degrádanse máis e máis. O Paseo de Alfonso, a pesar da agresión dun intervencionismo municipal negativo, vaise mantende como foi sempre. A cidade de Vigo, sen embargo, nas proximidades da Panificadora perpretou algo que sería impensábel noutra cidade europea, de do Atlántico ao Ural. A cidade de Vigo botou abaixo o Castelo de San Sebastián case enteiro para edificar a actual sede municipal, un edificio sen carácter, e dispór unha chamada Praza do Rei que a cada pouco se compon e recompón sen argumentos e sen xeito.
Chegados a este punto, son informado por Antón Pulido da existencia dunha organización que se mobiliza para salvar a Panificadora e darlle vida ao entorno que arriba comentabamos. Teño entendido que algúns importantes artistas, entre os cales Pulido, ofreceron grabados solidarios en favor da salvamento da Panificadora. Parece que aspiran á una ambiciosa rehabilitación do edificio e destinar este a ser o centro cultural que Vigo aínda non ten como é debido. Nós fins desta organización, segundo me din, áchase tamén o conservación e anovamento do entorno da Panificadora. Confío en que non se esquezan da protección do Banco dos Pesos, onda a Porta do Pracer, e que esixan, de camiño, a demolición da "Cruz de los Caídos" que se ergue a poucos metros dun dos puntos do Castro de Vigo ondea fusilaban os franquistas aos nosos.
Recomentación: lean Panificadora de Xosé Cid Cabido (Edicións Xerais).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook