Abro as páxinas de “cultura” dun famoso xornal que nunca máis collerei nin no quiosco de Sequeiros (Vigo) nin no da Viuda de Lisardo (Ourense). Leo, en noticia ínfima de EFE, que o meu amigo José María Merino entrou na RAE. Chámame a atención o desinterese do xornal por un escritor que naceu na Coruña e que introduciu na prosa castelá as urces e os tojos, sempre na excelente compaña de Luís Mateo Díaz. O titulete da noticia do xornal da Coruña é: “José María Merino entra hoy en la Academia” (o suliñado é de nós). Para este xornal de Galicia la Academia de veras é a Española e non a Galega, por moito que esta teña a súa sede na Rúa das Tabernas da Coruña. Eis a esencia mesma do coruñesismo. Tal insidia lingüística axústase ás liñas tócas do “retrato do colonizado”.

Ollo para a banda dereita da mesma páxina e leo un titular en letras negras do corpo 34: “La crítica premia a David Trueba en narrativa y al poeta Eduardo García”. Logo advirto, sobre estes potentes titulares, unha liña impresa en caracteres finos do corpo 12 que, unha vez recadados os meus lentes de 2,5 aumentos, logro descifrar: “Los galardonados en lengua gallega son Marcos Calveiro y Chus Pato”. A escolla dos tipos de letra conduce o lector á asunción da inferioridade do galego: entre o corpo 34 en que triunfan os escritores en lingua castelá e o 12 no que case non se notan os nosos median 22 graus de desprezo tipográfico.

Esta información sobre os Premios da Crítica españois consistía nunha gacetilla, tamén de EFE, o cal chama atención posto que no xuri se encontraba un redactor do xornal coruñés, Ramón Loureiro, a quen o seu director non quixo encargar, por razóns que nesta altura do meu artigo resultarán obvias, a crónica de tan importante acontecemento literario. Aínda o feito de citar Marcos Calveiro por diante de Chus Pato constitúe unha falla de educación que merecería un cero en urbanidade no Ourense escolar dos meus días felices.

Por fin, a base visual da páxina en cuestión áchase ocupada por unha disquisición de Camilo Franco, escrita, oh, en galego e en defensa da utilidade de todas as linguas e da utilidade da nosa en particular. Despois de contrastar o que o ourensao escribe cos outros textos estampádos na páxina en cuestión, este columnista non pode senón ficar dacordo coas derradeiras verbas do Camilo Franco: “Salvo nos tempos da Inquisición e similares, nunca tal se vira”.

Ás altas horas da noite pasea o cronista en compañía de Heriberto Bens polo Espolón da Praza Maior de Ourense. Sen interrupción, velozmente, con vehemencia, o meu amigo, recén chegado de Charenton, fulmíname con esta arenga:

-Nos discursos e contradiscursos relativos á investidura, pose presidencial, nomeamento da nova Xunta, houbo un consenso tripartido que a linguaxe empregada fixo evidente. Ninguén lle chamou a Galicia “nacionalidade histórica”, aínda que esa é a denominación oficial que figura no Estatuto de Autonomía e na Constitución monárquica. Ningún dos anteriores presidentes nin conselleiros nin membros da oposición empregaron xamais o substantivo nacionalidade modificado polo adxectivo histórica. Nos tempos que corren a nacionalidade só habita (heideggerianamente) España e só resplandece a Historia en Pío Moa.

Fomos, Heriberto e mais eu, baixando cara a Burga para recordarnos de Eduardo Blanco Amor.