25 de abril de 2009
25.04.2009
de bolina

O tren que me leva

Xosé Ramón Pena

25.04.2009 | 02:00

De certo que todos Vdes. coñecen xa a singular noticia: velaí que, logo dos eloxios do presidente Barack Obama ao Ave Madrid-Sevilla, o flamante novo ministro de Fomento, D. José Pepiño Blanco, ven de invitar a unha delegación da actual Administración dos todopoderosos Estados Unidos de América a que coñezan de primeira man a rede ferroviaria de alta velocidade e aínda o conxunto das infraestruturas de transporte español, en xeral. Traducido para os descreídos, volterianos e revoltés: Rafa Nadal, Pau Gasol, o chupa-chups e mais a siesta, as tapas e, agora, o Ave: mal que lles pese a algúns, ¡España asombra al mundo!

O Ave Madrid-Sevilla, pois€ Escribía xa hai algún tempo Juan José Moralejo, en plena epifanía dos declarados devezos, apetencias, cobizas e ansias mil –mesmo pura e dura obsesión– pola cousa dos tren-foguete, poney-express veloz como o vento, comboio transocenánico a Bucaramanga e afíns que ao santo de qué viña tanta e tanta présa ferroviaria, sen mediaren acougos nin relanzos. E é que xa explicarán os entendidos de qué nos ha de valer tanta e mais tantísima velocidade alta/alta velocidade –preguntábase– se logo resulta que vai e chega o tal Ave, e aínda non está cocido o marisco, abertas as portas da catedral de Santiago nin tampouco leva trazas de escampar pola parte das rías. O que é máis, engadamos aínda aquí e agora: se o tal ultrasónico tren vén zunindo a fume de carozo desde Lugo para abaixo, ben pode resultar que non distinga nin Curtis, nin Betanzos, nin sequera tampouco a propia estación terminal da Coruña, e só sexa posible paralo nas areas de Riazor. Made in Vigo e norte de Portugal: que o Ave, disparado, avance por toda a beiramar, destripe Bouzas e debamos ter prevista, xa que logo, unha segunda estación terminal, e submarina, en plenas Cíes.

Porén, ben lonxe de atender tan atentas advertencias, eis que, todos a coro, políticos mil –e outros que xogan a selo- seguiron, e seguen, a darnos a trela, que lle din os irmãos da outra beira, con prazos cumpridos ou por cumprir, trazados alternativos e/ou alternantes e un senfín, Serafín, de peripecias varias arredor da repetida temática. Pregúntenlle, os sempre moi amables lectores destas crónicas, ao Señor Google, ou consulten as hemerotecas, e comprobarán sen demora como nos pasados anos foi discurso común a reiterada petición de que cada cidade, vila, concello, pedanía, aldea€ do país había de ter, queiras/non queiras, un parque empresarial, outro eólico, tres grandes superficies comerciais, catro-cinco urbanizacións "de luxo ao seu alcance", un museo de arte moderna, varias facultades universitarias, televisión local, actuacións nas festas do verán por parte de Amaral, La Quinta Estación e Carlinhos Brown, un par de aeroliñas de baixo coste e€ desde logo, a inescusable estación do Ave. E todo iso, ademais, para xa!, que dabondo nos levan roubado os cataláns e demais xentes de mal vivir. Veña: a montarmos decontado unha comisión de seguimento das obras!

Porén, pintan bastos. Logo de esixir, instar, reivindicar, requirir, urxir€ –esgótase a lista dos sinónimos coñecidos e por coñecer– o cumprimento indefectible dos prazos declarados polo goberno central (os prazos: un mal día teno calquera); logo de fulminar, considerar case apátrida a quen ousase considerar, matizar€ as dificultades para que tal perspectiva se puidese tornar efectiva; logo de semellante parafernalia, observen Vdes. como papás/mamás da patria de diferente signo e condición van e aceptan que, os presentes, son malos tempos para a lírica, que debemos ser realistas, que o que importa é que sexa unha obra feita con tino e calidade e etc, etc. Tan só lles falta proclamar aquilo da "climatología adversa", "las dificultades orográficas" e/ou, xa postos, "la pertinaz sequía". Vaia, que como dicía o vello adaxio, "nunca es tarde si la dicha es buena y amén Jesús". Condenada, defenestrada, arrebolada ao dourado exilio europeo a inefable meiga maligna, Magdalena Álvarez; gañadas –ou perdidas, segundo cadaquén– as eleccións, para que seguir mostrando as caretas?

Mentres, iso si, o señor ministro de Fomento –e o tamén flamante novo presidente da Xunta– poderían invitar ao presidente Obama e agregados a coñeceren esoutro marabilloso tren que pola beira do Miño vai botando fume, corre pola vía e o río vai feito un mar de ledicias. Co afeccionado que parece Obama a todo o que cheire a folk, dunha banda, e tendo en conta, doutra, a crise de guións no cinema€ non estaría mal un remake daquel célebre film protagonizado polo, infelizmente, desaparecido Andrés Dobarro. Desta volta, iso si, con Javier Bardem e Penélope Cruz como protagonistas. Na dirección, Almodóvar e Woody Allen. Sen dúbida, todo un exitazo de taquilla!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine