Opinión
A escopeta nacional
Xosé Ramón Pena
"No tengo nada contra la caza, pero hay veces que se vuelve sospechosa". Como, sen dúbida, coñecen todos os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, semellante apreciación non procede precisamente de parte de ningún líder ecoloxista, pacifista, para-hippy/para-gay, impío de moral distraída, com moi discutible patriotismo e/ou avesas actitudes de vexerariano revolté. Antes ben, trátase de declaracións efectuadas por alguén que -memoria histórica vivinte, el si que si_- compartiu, ou case, longas horas de escopetaxe patria co Conde de Aranda, o de Floridablanca, o Marqués de la Ensenada, Espartero, Narváez, Primo de Rivera (pai), Felipe V, Carlos III, Carlos IV, Afonso XIII... e mesmo aínda con esoutro grande afeccionado ao ¡pin-pan-pun, fuego!, de corta estatura, e natural de Ferrol. Nin que dicir ten, estámonos a referir a D. Manuel Fraga Iribarne, presidente que foi da Xunta de Galicia/Galiza, quen as vén de efectuar en relación coa aventura cinexética, e quen sabe qué máis maldades adxuntas, que veñen de perpetrar o súper-mega-xuíz D. Baltasar Garzón e o xusto/inxusto ministro de Xustiza, D. Mariano Fernández Bermejo, en plena crise dos Rajoy, Aguirre, Feijoo009/007 e demais populares espías/espiados cotiáns.
A ver; resulta evidente que Luis García Berlanga filmou unha magnífica obra, aló por 1977. Como non lembrar nela, pois, a un espléndido José Sazatornil no papel dun Jaime/Jaume -segundo as circuntancias, "la pela es la pela", así o demandasen, e toma lección de bilingüismo harmónico!-. Canivell disposto a nadar en seco con tal de colocar os seus porteiros automáticos por España adiante? Ou qué dicir de Luis Escobar -marqués de Leguineche/de las Marismas del Guadalquivir e xa me dirán Vdes. cal era o título ficticio e cal o real que de veras lle correspondía- á beira do seu "fillo" J.L. López Vázquez, de Antonio Ferrandis e mais de Bárbara Rey disfrazada, xa daquela, de Bárbara Rey. En fin, tal foi o éxito acadado que mesmo xustificou outras dúas entregas, "Patrimonio Nacionall" (1981) e "Nacional III" que tamén obtiveron os parabéns de crítica e público.
Agora ben; se Vdes. reparan nas datas, observarán que os tres títulos da "saga dos Leguineche" foron filmados con anterioridade ao histórico triunfo socialista de outubro de 1982. Isto é; este modesto cronista chegou a considerar, na súa versión inxenua-inxenua, inxenua-total, que, andando o tempo, co definitivo asentamento dunhas nova sociedade e política, todas as miserias, latrocinios, estafas, roubos descarados? corruptelas mil que Berlanga describía a través das súas personaxes acabarían por desaparecer para sempre xamais da nova, limpa e democrática España á que non a ía coñecer, xa que logo, nin a propia nai que a pariu. Ou tamén, nunha versión máis traballada, que España deixaría finalmente de ser católica para transformarse nun país autenticamente cristián. Traducido: "que se a túa man dereita é motivo de pecado, córtaa e guíndaa lonxe de ti, pois máis che convén que se perda un dos teus membros que non todo o teu corpo vaia á xehenna" (Mateo 5, 29-30). Ou, en fin, aínda nunha terceira versión de min mesmo máis práctica e realista, servidor xulgaba que se alguén forma parte dunha asociación, sindicato, partido? -sexa este cal fose- e chegaba a cometer un flagrante delito, os demais membros -xa fose por auténtica convición ou mesmo por interesado fariseísmo- acabarían por apartar, e apartarse, do ladrón e corrupto como se da peste se tratase.
Pero, xa digo/escribo: semellantes inocentes pensamentos tiña este modesto cronista con respecto a "La escopeta nacional" e mais á Segunda Restauración na que habitamos. E velaí?
"Cogito ergo sum"? "Aínda que lle arrinques as pétalas, non lle tirarás a beleza á flor"? Platón? Tocqueville? Tan sequera Ortega y Gasset? Nada diso: o máis alto pensamento filosófico-político español do noso tempo vén ser esoutro: "...¡Y tú más!" ou aquel "¡Me rebota, me rebota, y en tu culo explota!" Chámalles ti, mellor e canto antes, ladróns e corruptos aos demais antes de que eles tomen a iniciativa contigo!
Espías a go-go? Cacerías que fornecen (supostas) liaisons dangereuses? Cabería pensar que, fronte a todo iso, o que realmente lle interesase, nos interesase a todos aqueles que, tal parece, nunca deixaremos de ser simples e sufridos pagáns é que as investigacións si servisen para algo, que a xustiza si funcione e, en consecuencia, dunha vez e por todas, na vez doutra nova entrega de "La escopeta nacional", Luis G. Berlanga filme a versión realmente heavy de "Todos a la cárcel". E é que por moi "populares" -e/ou doutras etiquetas- que nolos presenten, os chourizos que sexan de Cantimpalos.
- Adiós al hijo de Carmen Borrego en 'GH DÚO' tras solo unos días en la casa: «Demandando»
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Un terremoto con epicentro en Barro se siente en media Galicia
- Los tres trucos de los economistas para ahorrar en el Mercadona: 'Se ahorra un montón de dinero
- Vigo y A Coruña, incomunicadas por carretera después del atardecer
- Adiós a pasar la ITV a las motos en 2025: el Gobierno aprueba la medida
- Hallan el cuerpo sin vida de una joven detrás del ayuntamiento de Vigo
- Oporto estrena un destino español inédito para los aeropuertos gallegos