Pensei que era unha inocentada. Unha desas choqueiradas simpáticas coas que tradicionalmente se intenta sorprender a credulidade das persoas inxenuas. Unha desas noticias falsas coas que algunha prensa xoga o 28 de Decembro cos seus lectores e lectoras.

Pero non, non estabamos a 28.

Tamén sería posible noutra data, o 1º de Abril, no que algunhas zonas de Galiza -e países europeos, como Francia- manteñen aínda a tradición medieval da "Festa dos burros". Entre nós chámase "O día dos burros", e un dito popular avisa: "O primeiro de abril van os burros a onde non teñen que ir".

Pero non, ben lonxe estamos desa data.

Eu, con todo, sigo a pensar que o titular da noticia era raro. Porque: quen pode crer que un colectivo de comerciantes galegos se opón a que unha nova lei do sector estableza que se rotule en galego nos comercios sen perxuízo de facelo tamén noutras linguas? Pois ese grupo de comerciantes dí que non, oponse a todo bilingüismo ou multilingüismo (dis que lles ocasionaría grandes perdas) e reclama que sexa só nunha lingua. "Que mal lles faría o castelán?" -dixen eu. "Como é que se radicalizaron tanto e se volveron separatistas?"

"Ah, non!" - despois lin ben e entendín o asunto. O que queren é rotular só en español. Debe ser moito máis barato. É lóxico que miren polos seus intereses. Por riba de todo. E, ademais: para que sirve, eso del gallego?

A lei tamén establece a obriga de atender en galego aos clientes e clientas que así o reclamen. Outra esixencia intolerable! Que cada quen fale no que queira! Como fan eles, que dan exem- plo! "Non -seica dín os díscolos- non queremos que se nos impoña nada. Queremos seguir atendendo ao consumidor na lingua que el fala". Conmovedora actitude. Ben vemos como levan décadas atendendo xa en galego aos que lles falamos no noso idioma. É xusto que se revolvan contra unha imposición do que xa é a súa conduta habitual e espontánea. Polas boas consíguese todo, polas malas nada. Seguro que a partir de agora deixan de facelo. Mira ti o que se conseguíu: pór en contra a xente que estaba a favor.

Inocentes.