12 de diciembre de 2008
12.12.2008

Luís Cambeiro na de Hipólito

X.L. Méndez Ferrín

12.12.2008 | 01:00

Hoxe foi un día moi das Travesas porque me chamaron para cear da Asociación de Amigos desta entidade viguesa e despois estiven na de Hipólito para meterlle un Imperial e ver os cadros/escultura de Luís Cambeiro alí pendurados.
Todo o que escribín ao comén desta columniña é, para calquera de fóra de Vigo, seguramente cousa escura. Debo, pois, aclarar que as Travesas son unha parte da cidade que carece de límites definidos e que, desde logo, non ten personalidade administrativa porque en Vigo non a teñen os distritos nen as parroquias. Chamámoslle As Travesas ao territorio que ten como centro a Praza de América (Vigo sempre é a Hispanidade, aínda que haxa concellais que se din nacionalistas), co monumento granítico de Silverio Rivas no meo, e como edificio de referencia o Instituto Santa Irene. Nos meus tempos, As Travesas estaban tamén moi marcadas polas cocheiras dos tranvías que os vigueses permitiron con agrado que desaparecesen. Aínda a memoria pública os perpetúa co nome da Rúa de Tranviarios perto da que se encontra a de Hipólito, que foi unha casa de comidas e taberna excelente e que hoxe continúa con idéntica decoración como café e bar onde se pode un sentar e falar en paz. As Travesas é barrio moi caracterizado tamén polas chamadas Casas de Pernas nas que creceu e se formou unha xeración de mozos, hoxe homes e mulleres xa nos camiños da madurez e que constituiron o sector máis innovador e rupturista da cidade nos anos sesenta e setenta tan movimentados. Un Imperial, en Vigo e no Porto, era un bock sen asa.
Luís Cambeiro, artista non profesional pero excelente e en progresión a modo de espiral, expón as súas pezas (non digamos "cadros") na de Hipólito que se sitúa onde xa lles dicen. Andrés A. Vila, pintor el mesmo, acerta no catálogo ao asociar a obra de Luís co informalismo, con Tápies e, vagamente, coa abstracción soviética. Certamente, ao ver estas pezas, que son pintura e tamén releve, que son cor pero tamén tacto e volume real, un non pode menos que sembrar os días nos que o magma matérico (dicía así o teórico Michel Tapié e repetía Reimundo Patiño e máis A Gadaña) nos seducía a todos. De xeito que as fronteiras entre escultura e pintura se esborrallan. Predomina o volume baixo, pro a cor insiste na súa presenza. Son obras sen calquer referente previo ou exterior, sen cesión ningunha a mímese ou á figuración. Case sen contemplacións, Luís Cambeiro produce cousas, entidades, construcións autónomas non existentes antes no mundo. É como se o artista quixese voltar aos días de Burri, da citada Gadaña (co Pinturillas de Plasencia e Lugo), a Miralles, ao cadro en releve L´Oursonne (a Osa Grande) e á arte bruta (neste caso neofigurativa) do Jean Dubufet que veneramos de mozos. Un certo Leopoldo Nóvoa non andaba lonxe, daquela, da movemento dos "Sols e Terreins" ou sexa Pisos, Solos, parediñas que puñan Cunqueiro alporizado de iras irisadas, muros de cal escascarillada dos vellos retretes das tabernas na Rúa Real. O cimento e a arxila masonizan coa súa tanxibilidade estas fortes presenzas plásticas de Luís Cambeiro. O cromatismo non tinxe un fondo senón que é parte do fondo e do todo. Por iso dicíamos que isto non é paipa ningunha senón que isto é o que é e aquilo que de rapaces nosoutros lle chamabamos Arte Outra. Vendo estes cousos debatámonos da morte do após-modernismo e non choramos por eles.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine