Os traballos de pescuda e interpretación sobre a figura de X.M. Álvarez Blázquez conclúen neste mes de Nadal cun congreso que se celebrará en Tui. Coido que nunca lle fixen saber a aquel erudito e escritor o moito que lle debía a miña humilde e persoal competencia en materia de literatura medieval. En 1952 a editorial Galaxia iniciaba a publicación dunha ambiciosa antoloxía, a Escolma de Poesía Galega, co tomo, preparado por Xosé María, correspondente ao que el chamaba "Escola Medieval Galego-Portuguesa". En 1954, o meu profesor de literatura Francisco Cerviño Gesteira mandoume preparar unha exposición sobre o galego na Idade Media e recomendoume como libro de consulta o de Álvarez Blázquez. Metinme de capitón nas cántigas dos cincuenta e seis trobadores escolmados na colectánea e demoreime na lectura das moi documentadas e rigurosas introduccións a cada autor. Ao terminar a preparación da miña conferencia escolar eu era outro. Decidín, por culpa de X.M. Álvarez Blázquez, que eu ía seguir durante toda a vida movéndome polos territorios da poesía da Idade Media; e cumplín, mal ou ben, ese programa.

O Álvarez Blázquez en quen se centrou este ano a memoria das letras galegas só en parte foi un investigador en materia de literatura medieval. As súas actividades eran múltiples e a súa curiosidade levouno a través dos séculos dun punto de atracción a outro. Por esta razón a súa constitúe unha figura difícil, felizmente, de ser simplificada ou reducida a un tópico dixestíbel. Pero, de todas esas tenzas e leiras eruditas que labrou e fixo froitificar o noso autor, a da investigación na literatura medieval é a que me resulta máis próxima. O canon e xerarquía dos nosos poetas da Idade Media e a súa valoración estética cuase non foron modificados desde que Xosé María os fixou e definiu en 1952.

Era tan profundo o seu coñecemento da poesía medieval que, como é sabido, Álvarez Blázquez foi capaz de argallar unha arlotada literaria que se fixo célebre. Un día dos Santos Inocentes distribuiu un libriño, titulado Cancioneiro de Monfero, que el dicía que contiña diversas composicións poéticas galegas do século XIII mais que, en realidade, eran obra súa. Son tan finas, belas e convincentes estas eruditas falsificacións que moitos lectores ficaron encantados coa descoberta que non era tal. Filgueira Valverde confesoume que estivera a piques de picar (sic) no anzó de Xosé María. Unha luz vermella seica se lle acendeu ao sabio pontevedrés: "Eiquí hai algo raro (pensou) porque o convento, nos documentos medievais, chámase sempre Monfeiro (Monfeyro) e o de Monfero non ten nada de fero senón que constitúe unha flagrante castelanización que os onomasticistas se negan a corrixir". Segundo pensan algúns que pensan con siso, os poemas de Monfeiro de X.M. Álvarez Blázquez son os mellores da escola neotrobadorista galega do século XX.

Destas e doutras moitas cousas falarase no congreso de Tui, esta volta organizado pola Academia Galega da que Xosé María Álvarez Blázquez foi numerario moi destacado.