Velaí a angustiosa e triste nova a percorrer as ondas radiofónicas, as canles televisivas e mais as páxinas dos "papeis": trinta e tres anos despois da xeira do invicto Caudillo, e case setenta desde que este derrotase no campo de batalla a comunistas, masóns e demais xentes de mal vivir, de novo as gadoupas vermellas -ou da cor coa que agora se disfrace- do insaciable oso ruso están ao noso asexo, dispostas a tronzarnos, a esganarnos de vez cunha terrorífica, salvaxe e mortal aperta. Onde antano poñía Iósiv Stalin, agora di Vladimir Vladimirovich Putin; se nun tempo o perigo cabalgaba sobre os carros de combate das divisións acorazadas do Exército Vermello, nos nosos días tal labor veulle encomendado á moi sinistra compañía de petróleos LUKoil -dirixida polo non menos sinistro esbirro do Kremlin, o camarada, tovarich ou como lle corresponda na Rusia post-postmoderna, Vagit Alekperov-; en fin, se en illo tempore o obxectivo a acadar por parte dos malos malísimos foron as novas reservas de ouro, na actualidade, estes viven día e noite devecendo por nos fedellar, fochicar arreo a Repsol YPF. Así as cousas? onde iremos parar? Que vai ser de ti, ai, España!?

Non; se ao cabo resulta aínda que Monseñor Rouco Varela non deixa de levar o seu aquel de razón: "ás veces é necesario saber esquecer". E xa que logo, ben que avisa como lle cómpre, Don Antonio María: iso de andar ás voltas, para arriba e para abaixo, coa leria da memoria histórica, hanos de traer unha boa dor de cabeza. Pois ben; meu dito meu, meu feito: a tal xa está instalada entre nós!

O 14 de setembro de 1936 catro cargueiros soviéticos partían desde Cartagena con rumbo a Odesa. A bordo deles, e por orde de Juan Negrín, ministro de Facenda no goberno presidido por Largo Caballero, viaxaban as reservas de ouro do Banco de España. Segundo explican os historiadores máis respectables, todo aquel dourado tesouro apenas si serviu para pagar puntualmente os envíos de material de guerra que o goberno republicano precisaba como auga de maio a fin de poder continuar no esforzo bélico. Traducido: que Stalin lles aplicou aos dirixentes da II República -cal se, na vez de xeorxiano, viñese ao mundo en Vilavella de Arriba- aquilo de "amiguiños e antifascistas, si, pero? a vaquiña polo que vale". Punto e final.

Mais un punto e final que, non obstante e como Vdes. coñecen dabondo e como oportunamente nos adoutrinaron, non impediu que o ouro de Moscova -"el oro de Moscú" da longa noite de pedra- seguise a financiar arreo canta maldade, perversión? se lles viñese aos miolos a todos os volterianos, impíos e revoltés a odiaren esta reserva espiritual de Occidente que temos a fortuna de habitar. Volterianos, impíos e revoltés, puros e duros rojísimso rojos -é un dicir, o de "rojos"; poñamos que, en todo caso, estes de agora son rojos? de gran superficie comercial- que de novo nos (mal)gobernan e que, polo que se ve, están dispostísimos a entregar a nosa nación de nacións, una, grande y libre, a esoutro renovado e corruptor "ouro negro" de Moscova co que lles paga os seus servizos a perniciosa LUKoil.

"Que lle queren? Vivimos nun mundo capitalista no cal as operacións de compra e venda son modea corrente" -retrucan ZP e rondallas adxuntas-"Os gobernos non poden intervir nos negocios que se efectúan libremente entre empresas privadas. As regras do xogo son como son; ademais é bo sinal que se interesen por nós polo mundo adiante", conclúen, xubilosos, o seu parlamento.

Réprobos!, Vendepatrias! Confiarmos en Putin? Darlle creto a quen foi espía do KGB? Pero desde cando se contrata ao raposo como gardían do galiñeiro? É que nin tan sequera foron/van ao cine e ven como as gastan semellantes individuos? Sen ir máis lonxe, en "Octopussy" (1983), o moi desequilibrado xeneral Orlov pretende, nin máis nin menos, facer estoupar un mísil nuclear camuflado no canón do home-bala, durante unha función que ten lugar próxima a unha base das tropas da Otan. Afortunadamente para a civilización occidental e para o ben do planeta, un axente secreto ao servizo da Súa Graciosa Maxestade -xa saben, my nam´s Bond, James Bond- está alí para impedir que tan nefando propósito se poida converter en realidade. Agora ben; iso os ingleses, que teñen a OO7, M, o MI-6 e demais parafernalia. Pero nós? Contamos acaso con Mortadelo e Filemón?

"Que non pasa nada -afirman ZP e cia- Desde Rusia con amor". Con amor dos petrorublos? É que ignora D. José Luis que el cariño verdadero ni se compra ni se vende?