Andan decididas algunhas/bastantes, sen dúbida, moi ben intencionadas boas xentes a solicitar por toda Internet adiante un efectivo boicot ás emisións desa canle televisiva que ten previsto emitir, en breve e dentro do espazo dun dos seus lizgairos e vociferentes late shows, unha entrevista co ex-alcalde de Marbella, oso amoroso da inefable Isabel Pantoja e celebérrimo inquilino do Hotel VIP Prisión situado na malagueña salerosa -xa saben: eres linda y hechicera- localidade de Alhaurín de la Torre, Julian Felipe Muñoz Palomo. Segundo informan os "papeis", o destemedido Cachuli vén cobrar algo así como, nin máis nin menos, que uns 350.000 euros -"euros de las antiguas pesetas", que diría o inefable David Bisbal- por explicar urbi et orbi a súa teoría da relatividade; isto é, do relativamente (ou absolutamente) parva que nos queda a cara ao común dos mortais cando comprobamos esoutra perfectamente lavada, durísimo rostro, faciana, chiché de puro cemento que locen algúns.

Claro é que a cousa de entrevistar -e promocionar- televisivamente a chorizos, estafadores, carteiristas, marfollos, desmotadores, gatuñeiros, caloteiros? rufiáns e cacos en xeral non só conta cunha asentada tradición entre nós, senón que mesmo está en alza. Velaí, xa que logo, aquelas imaxes de "Gil y Gil, Y tal y tal", esoutras dos seus mariachis e rondallas Marisol Yagüe, Juan Antonio Roca, Isabel García Marcos? ou, xa máis recentemente, a leria desoutro benefactor e filántropo patrio que atende por Luis Roldán. En fin, que máis que referirnos, daquela, á programación de Tele Cal ou de Antena Tal, é ben probable que teñamos que modificar os nosos hábitos catódicos e determinar se escollemos mellor entre Trele Trullo, Canal Maco ou Antena Estaribó, dito/escrito vaia en léxico da hampa e segundo me informa o meu choro de garda e vai afloxando a guita, o parné, meu prezado Monchiño.

Dito/escrito está máis arriba que as xentes que propoñen o boicot están a actuar con toda rectitude e merecen, desde logo, a nosa estima. Porén, non é doado que a boa intencionalidade se convirta en acción; polo menos, en acción duradeira, e de veras que a este modesto cronista lle doe amosar semellante escepticismo.

En primeiro lugar, habitamos nun país de universitarios. É dicir; non precisamente de universitarios licenciados pola Universidade Complutense, a Autónoma de Barcelona, Salamanca ou Santiago de Compostela, senón de licenciados, doutorados -eles/elas presumen diso!- pola "Universidad de la calle". Física? Química? Matemáticas? Filosofía? Filoloxía? Enxeñería? Nada diso. Sexan privadísimas as canles -e mesmo públicas!- é ben doado atopar exemplos modélicos do tipo "Si quieres que te diga la verdad, yo no tengo muchos estudios, me aburría en clase soberanamente? Pero verás: de una parte, yo creo que los profesores enseñan muchas cosas que luego no te van a valer de nada; por otra parte, la mejor universidad es la universidad de la calle, la universidad de la vida. En ésa es en la que yo he estudiado". Fagan un pouco de memoria e díngame, pois: cantos famosos/as a semellantes, a se expresaren de tal xeito polos platós televisivos adiante, coñecen os amables lectores? "A ver, doctor X; explíquenos brevemente y de forma fácil, para que nuestra audiencia lo comprenda, en qué consiste la teoría cuántica de campos constructiva".

En fin; para que nada quede no caixón: "Y ahora, actuando en nuestro programa para obtener la cantidad de 10.000 euros a favor de los pobres ancianitos desesperados y/o a beneficio de los huérfanos de capital (y cobrando, eso sí, 100.000 por el espectáculo)? ¡mira quén baila!". Xa que logo, velaí a pregunta que lle cómpre facer, segundo os programas de sobremesa e/ou os reality e late shows de moda: "Ti estudias, traballas ou? es unha persoa realmente intelixente?".

E que lle queren? España e mais a Tv sómoslle así, señor/señora.

Doutra parte, en mans de quen está a espléndida cadea -televisiva- na que seica vai aparecer o bigote parlante do tal Julián Muñoz? Efectivamente: nas mans de Finnivest, o que vale dicir nesas mesmas de Silvio Berlusconi. Cavaliere, Consigliere? Cosa Nostra, Onorata Società? antesalas/xustificacións/promocións desoutro, ao fin e ao cabo, sinónimos: neo-fascismo. Vaia, que non sei se Vdes. me entenden?