De certo, e a xulgarmos en razón de determindas actitudes ultimamente espalladas, semella bastante claro que a cousa esa da memoria histórica non constitúe, precisamente, o punto forte das diferentes formacións políticas presentes no actual Parlamento de Galiza, xa sexan as tales partícipes da coalición gobernante ou, ben polo contrario, representantes da leal oposición conformada polos deputados do Partido Popular. E tal apreciación vén motivada, desde logo, por mor desa moi curiosa desputa á que vimos de asistir como consecuencia da compra dunha neveira, frigorífico portátil, mini-bar? ,ou como queira que lle chamen, por parte do Sr. Vicepresidente do goberno, D. Anxo Quintana, e que o devandito mandou instalar no seu automóbil oficial ao longo dos percorridos que efectúa polas autoestradas, autovías, estradas e camiños, en xeral, do país que habitamos. Diante de tal, e como sen dúbida coñecen todos Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, os representantes da oposición pouco menos que case esgazan vestiduras, anuncian a Apocalypse Now? afirmando que o tal trebello custou, nin máis nin menos, que 6000 euros!!, cantidade que decontando foi corrixida por parte da Vicepresidencia onde a cifraron nun total de apenas 15, euros, 15 en calquera gran superficie comercial, pasen e vexan os interesados. Polo demais, engadiron aínda os "propios" de D. Anxo -iso si, sen que ninguén llelo preguntase; e sabido é que "excusatio non petita, accusatio manifesta"- que o tal frigorífico tan só se utiliza para manter frías as botellas de auga mineral, e que nanai, polo tanto, de calquera outra clase de substancias e/ou líquidos pecaminosos situados a anos luz do moi sanote, e diplomado en enfermería, allaricense.

E ben; preguntaranse acaso Vdes., tal como o fai aquí e agora este modesto cronista: en calquera caso? que habería de extraño en que todos os señores pais/señoras nais da patria de Bregoán levasen no coche oficial un frigorífico portátil no que manter á temperatura adecuada a súa parva matinal, o seu bocata das once, manduca, compango, condumio, piscolabis ad hoc ou riquísima merendiña? Convén lembrar, e velaí a referencia á memoria histórica, que desde 1981 deica 1987 -data na cal D. Xosé Luís Barreiro deu cumprida noticia das súas habilidades artístico-circentes; quen coma el nas artes do transformismo integral e aínda nesoutras do triple salto mortal desde o trapecio?- ocupou a presidencia da Xunta o Sr. D. Xerardo Fernández Albor. Pois ben; sabido é que non só os seus contrarios, senón mesmo os seus parceiros, coñeceron a D. Xerardo precisamente como "O Merendiñas", celebrando a nunca desmentida afección do daquela presidente a acudir a toda clase de reunións populares nas cales a comedela -e hai ducias, centos, millares deles Galiza adiante!- viñese constituír o elemento esencial.

Claro que certo é tamén que aquilo de "onde dixen ´digo´, digo ´diego´" vén conformar unha parte esencial dos estudos de gramática -parda- dun bo número de políticos, os cales adoitan padecer, ademais, dunha memoria extraordinariamente fráxil segundo para que clase de cousas. De aí, polo tanto, que o Sr. Quintana -quen nunca, absolutamente nunca, se achega a unha festa popular, romaría enxebre, celebración de vila e/ou aldea, baile da terceira idade?- se apresure tantísimo en precisar que o seu é moi diferente e que, en todo caso, nada que ver co mínimo, pero que minimísimo alcance do seu abstemio e moi frugal mini-bar. Tantísimo, desde logo, como correron os seus contrarios políticos en acudir a algo parecido a aquilo de "¡rebota, rebota, y en tu culo explota!" e acusalo, xa que logo, de levar no portaequipaxes algo así como todo o reclamo dunha verdadeira orxía ambulante.

Na opinión deste modesto cronista, porén, os uns e mais os outros deberían mirar, non obstante, ao seu arredor e tomar moi boa nota, por exemplo, do xenial uso que fai de frigoríficos portátiles, contedores, bolsas e maletas mil o señor presidente de Cantabria, D. Miguel Ángel Revilla, célebre o tal polas anchoas, queixos, mel? que leva consigo a todas as partes, cal improvisada arca de Noé gastronómica. De certo non parece, precisamente, que ninguén se ofenda por semellante exhibición.

E é que se ben di o refrán que "con pan e viño vaise facendo o camiño", non é menos certo que moita politiquiña se amaña cunha (boa) merendiña.

DE BOLINA