A pasada fin de semana morreu Suso Jares. Mestre, doutor en Pedagoxía, catedrático de Didáctica da Universidade da Coruña, e, sobre todo, educador pola paz e cidadán libre da República da utopía e da irmandade, era un dos docentes máis queridos no país e, con certeza, a nosa figura pedagóxica actual máis coñecida e admirada internacionalmente.

Dende os anos mozos daquela Compostela dos anos da Reforma Política, cando tivo a fortuna de atopar a Paz Raña, a súa inseparable compañeira e alma xemelga, traballou no soño de construír «para todos os nenos galegos unha escola do sol, das pombas e das gaivotas», sintagma afortunado que recollía os ideais da pedagoxía Freinet da que Suso foi en Galicia, como membro do Movemento da Escola Popular Galega, un dos seus pioneiros na súa primeira escoliña de Montederramo, onde iniciou a súa andaina como mestre. Ideais que alicerzou a súa chegada a Vigo, a comezos dos anos oitenta, como profesor do Colexio Público García Barbón, onde montou unha horta escolar e fundaría o colectivo de ``Educadores pola Paz (EpP)´´ de Nova Escola Galega.

A creación do grupo de Educadores pola Paz, hai agora vinte e cinco anos, supuxo, tamén o inicio do movemento de ``Educación para a Paz´´ xa que foi o primeiro colectivo que asumiu en España a construción da paz e a resolución pacífica dos conflitos como eixo vertebrador da súa actividade educadora. Un grupo de mestres e profesores de secundaria vigueses, animado de forma infatigable polo seu traballo paciente e rigoroso, constituído como unha entidade de base, crítica e independente que serviu de alicerce ao movemento de ``Educación pola Paz´´, primeiro en Galicia, logo en todo o estado, máis tarde en Portugal e, xa durante os anos deste novo milenio, en Latinoamérica.

A comezo dos anos oitenta, EpP organizou as primeiras celebracións en centros escolares vigueses do ``Día Escolar pola Paz´´ (30 de xaneiro), formando as primeiras cadeas de nenos e nenas pola paz diante do cárcere vello, as soltas de globos nos patios dos centros eductivos ou os programas (en plena carreira armamentista) cos rapaces de Bacharelato en Radio Popular de Vigo. No mesmo período, Suso, un organizador nato, promoveu a celebración das exitosas ``Xornadas de Educación para a Paz´´ e dos ``Encontros Galegos de Educadores pola Paz´´, onde se despregaron en man común os paracaídas e se comezaron a desenvolver os xogos e técnicas de educación cooperativa, das que Jares é unha autoridade mundial.

Durante a década dos noventa o grupo de EpP consolidou a súa influenza sobre o mundo educativo (tanto galego, español como portugués), sobre todo, por medio das numerosas publicacións e conferencias de Jares sobre educación, paz e dereitos humanos. Foi esta década, tamén, a dun enorme entusiasmo para el. Consolidou a súa traxectoria profesional na Universidade da Coruña e Sira, a súa filla, inundouno de ledicia e optimismo. Relevancia singular tivo en 1996, o desenvolvemento do proxecto solidario e multidisciplinar ``Construír a paz. Cultura para a paz´´, artellado arredor dun libro e dunha exposición itinerante, no que participaron un centenar de ensaístas, escritores e pintores. Nese período, promoveu a constitución da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ) e da Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ), entidades que presidiu e animou teimosamente.

Xa neste milenio, cunha notable presenza en Latinoamérica (o continente do seu corazón), enfocou a súa reflexión sobre a resolución pacífica dos conflitos nas aulas, promovendo os programas ``Aprender a convivir´´ do concello de Vigo e ``Aprender xuntos. Convivir´´ do concello de Lugo, ao tempo que elaborou unha proposta de tramitación dunha ``Lei galega da paz´´, aínda pendente de resolución, coa intención de que o Goberno Galego asumise dende unha óptica global o fomento dos valores da cultura de paz. Foi a reflexión sobre a importancia da ``Educación para a cidadanía´´ o tema que ocupou as súas derradeiras angueiras.

Dende hai varios anos, Suso libraba con enorme serenidade unha difícilísima partida, na que seguiu ofrecendo aos seus seres máis queridos un modelo de dignidade e serenidade humana, e como tal, morreu cos brazos abertos, aloumiñando e amando a vida, consolándonos con provisións enormes de coraxe, sementando camiños de paz e gromos da tenrura e da esperanza polas que loitou ao longo dos seus cincuenta e tres anos. O seu labor foi o dun ourive sensible que quixo contribuír na loita contra a desesperanza e o conformismo e a procurar dende os espazos educativos unha sociedade plenamente democrática, xusta, solidaria e pacífica. Como sinalou, na emocionante cerimonia civil do seu pasamento, o seu amigo Narciso de Gabriel, foi a súa unha vida plena que mereceu a pena vivir.

bretemas@gmail.com