En setembro do ano pasado a universidade Rennes II convocou intelectuais e profesores de eiquí para participar en como galegos nun coloquio sobre Linguas e Imaxinarios no Arco Atlántico. A intervención no noso teórico e sociólogo da literatura Antón Figueroa, naturalmente proferida nun francés terso e vivaz, marcou fondamente a concorrencia internacional e afectou de ver os bretóns. Neste mesmo mes e ano corrente cento cincuenta galegos en representación da Federación nosa da Cultura Marítima e Fluvial que conta con tres mil cincocentos afiliados en Galicia, viaxaron a á Festa Internacional Marítima de Brest coas súas dornas, os seus galeóns, as súas traiñeiras, os seus botes de relinga, as súas gemelas e outras embarcacións que Staffan Mörling clasifica e estuda no seu libro famoso que debería ser reeditado. Se no coloquio literario de Rennes Galicia impuxo con forza a súa realidade cultural e nacional, no encontro de Brest ocorreu algo semellante. Os organizadores bretóns da Festa Internacional Marítima de Brest concedéronlle a Galicia o rango de país especialmente convidado. A consellería de cultura promoveu, cos membros da Federación, a edición dun catálogo moi ben escrito e moi ben deseñado no que se lles esplica a Galicia mariñeira aos visitantes da Festa en galego, francés e bretón. Unha vez máis, e despois da Feira do Libro da Habana, Galicia estivo no mundo como país e os medios de comunicación franceses falaron moito máis de nosoutros que os medios galegos, moi ocupados ao tempo coa faena de Tomás na praza de touros de Pontevedra. Á monopolista axencia EFE non lle chistou nada a presencia de Galicia, e a súa bandeira na Festa de Brest e apagou, como adoita facer na máis pura tradición orwelliana, os focos como xa tiñamos previsto. Agora virá a segunda parte do asunto: un deputado do PP pediralle á doutora Ánxela Bugallo contas dos gastos da nosa embaixada náutica en Bretaña coa mesma insistencia coa que lle pediu as contas da Habana. "Tonnerre de Brest!" - que berraban os matalotes nas vellas novelas navais de Francia. O profesor Francisco Fernández Rei, sabio e entusiástico militante do movemento a prol da cultura marítima tradicional, acaba de chegar da Festa de Brest e nótoo moi satisfeito. Cóntame que tamén foron expostas aló embarcacións de navegación fluvial. Moi compracido recibo a noticia de que un grupo de Chantada mostraba o que na súa terra chaman barco de dornas e nós en Ourense, onde xa desapareceu seica, simplemente dorna.

Convén aclarar que a dorna de mar e a dorna de río levan o mesmo nome, pero son barcos totalmente diferentes. A dorna ou barco de dornas de río é unha construcción arcaica e moi elemental. Consta de dous troncos de árbore baleirados a xeito de piragua que se unen por unhas táboas. Sobre as táboas van as persoas e os seus tarecos e móvense mediante pértiga ou remos. Nunca esquencerei o día no que, sendo eu moi meniño, me levaron desde as ribeiras de Casardomato, onde era a casa do meu bisavó materno, á festa de Reza, atravesando un río Miño que a min me semellaba inmenso e témero polos seus pegos, os seus remuíños, os seus coiñais, os seus cachós, as súas aceas. Daría calquera cousa por volver pasar o Miño en dorna sequera unha vez antes de morrer.