Morreu o fotógrafo Virxilio Viéitez aos 78 anos de idade na súa vila natal de Soutelo, no concello pontevedrés de Forcarei. Home sinxelo e inimigo dos actos públicos, acadou un merecido recoñecemento despois de case toda unha vida exercendo como fotógrafo rural. Por mor dunha exposición que a súa filla Keta lle organizou en Soutelo no ano 1997, e que foi visitada polo fotógrafo Manuel Sendón, a súa obra sería posta en valor e daría a volta ao mundo. Durante máis dunha década foi a mellor embaixadora da vila que o viu nacer, cerne histórico da Terra de Montes.

Unha das principais características da súa obra é a escenificación dos retratos. Virxilio escolle o marco que mellor acae á imaxe do retratado, introducindo as máis das veces elementos naturais que chaman a atención do espectador pola súa peculiaridade. Tamén inclúe obxectos e vehículos que os emigrantes traen das Américas. Neste senso é preciso reparar que un gran número de fotografías ten como fondo Chevrolets, Pontiacs, Fords ou Cadillacs que eran toda unha novidade naqueles anos. Son case todas imaxes realizadas no exterior (hortas, rueiros, estradas, prazas...), sempre con predilección polo branco e negro, aínda despois da chegada da cor, na década dos anos 70.

Non obstante ser a súa obra estudiada en seminarios, cursos de verán e constituir obxecto de análises polos teóricos da arte fotográfica, Virxilio sempre se sentiu un home alleo ao interese que despertaba o seu traballo. Era ante todo un artesán da fotografía. Calquera que se achegase a Soutelo podía velo pola rúa sempre coa cámara ao ombreiro, a sempiterna gorra e o seu semblante meditativo; porque Virxilio, quizáis por tantos anos de profesión, era un profundo coñecedor da condición humana.

Hoxe, as 17:00 horas, o seu corpo recibirá sepultura en Soutelo. A Terra de Montes perde con él a unha das súas máis egrexias figuras. O seu nome pasará a ocupar un lugar de honra na longa lista de persoeiros que deu esta bisbarra montesía, e que contribuiron a enriquecer en gran medida o seu patrimonio cultural.