04 de julio de 2008
04.07.2008

Homenaxe a Maite

04.07.2008 | 02:00

X.L. Méndez Ferrín

Escribe Maite Gómez Tapia así: "O vindeiro sábado (por mañá) terá lugar no espigón do Parrote, na Coruña, a inauguración dunha imaxe adicada á Virxe do Carme que lle custa ao concello 15 millóns das antigas pesetas. Para instalar esta imaxe retirarase unha escultura adicada á expedición do médico Francisco Javier Balmis, que en 1803 partiu da Coruña coa finalidade de erradicar o virus da viruela (ou vixigas) en América. Por outro lado, o concello de Oleiros vén de inaugurar unha estatua adicada ao mítico guerrilleiro Ernesto Che Guevara... Nunha sociedade que debemos construir desde a democracia, a igualdade, a xustiza e o laicismo é totalmente disparatado que mentres o PP promove manifestacións contra un ser humano que loitou pola xustiza social, o PSOE levante cos cartos de todos unha representación relixiosa nunha zona pública, priorizando a relixión sobre a ciencia". O escrito esta asinado en Meicende-Arteixo.
Por as liñas transcriptas eu concederíalle a Maite Gómez Tapia o Premio Nacional de Xornalismo, se o houbese en Galicia. O "Fernández-Latorre" non penso que vaia ser para ela. En todo caso eu fago miñas tales palabras, ás cales simplesmente lles engadirei un escolio.
Debemos afastar de nós a impostura de que a da Virxe do Carme sexa unha devoción antiga e aceite pola Galicia mariñeira e que, consecuentemente, resulte democrático apoiar desde as institucións públicas o seu culto. O laicismo nega a totalidade, e a ciencia histórica clama á falacia. "Nosa Señora da Barca,/ dádeno-lo vento en popa/ que somo-los de Cariño,/ traguemo-la vela rota". A da Barca si non a do Carme, que é un deserto dos interiores do Líbano. Por suposto: "Santo Cristo de Fisterra,/ santo da barba dourada,/ axúdanos a pasare/ o cabo de Touriñana".
Na realidade, a da Virxe do Carmen, a do Monte (non Mar) Carmelo, era unha devoción particular da raíña María Cristina, rexente, mamá de Alfonso XIII. Tal Virxe sacaba as ánimas do Purgatorio mediante un cabo que lles tiraba en forma de escapulario. Escapulario que os frades carmelitas comercializaban e cuxa imposición aseguraba que, ao cumpriren os fieis a práctica de frecuentar a comuñón os primeiros venres de cada mes, eles irían o Ceo sen pasar nin polo fume do Purgatorio (promesa a Margarita María Alacoque). Logo a rexente dona María Cristina inspirou a Real Orde segundo a cal a Virxe do Carme se instituía en patroa da Mariña de Guerra Española, e ségue a selo oficialmente na España nacional católica na que vivimos. Da Mariña de Guerra, non dos mariñeiros.
Mañá a Coruña de Juan Canalejo, de Molina de Brandao/ Vázquez, de Millán Astray, en suma, a Coruña que bate hoxe todos os records en Galicia de permanencia da nomenclatura pública franquista, vai superarse a ela mesma e subsistuir o monumento a un episodio científico e humanitario e por un monumento a esa Virxe do Carme que, ao pouco tempo, o bisneto de María Cristina celebrará a tambor batido na Escola Naval de Marín a seguir da misa de campaña. O bispo ultraísta Del Río acaba de ser nomeado Vicario Xeneral Castrense (categoría arcebispal) con gran acumulado de tenente xeneral e cun soldo que gravitaría sobre min e sobre todo os posíbeis lectores. Ou como proferira o Celso: "Santo Cristo de Fisterra,/ santo da barba dourada,/ axúdanos a pasare/ a negra noite de España".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine