Segundo vén de aclarar urbi et orbi (por certo; esta, "urbi et orbi", é de veras a forma correcta da locución, e non esoutra de "urbi et orbe" como, desacertadamente, me quere corrixir M.F.A., amable lector destas crónicas semanais; repase Vde. o latín do seu Bacharelato); segundo vén de aclarar, digo/escribo, a Sra. Ministra de Igualdade, Dna. Bibiana Aído, a expresión "miembras del Congreso", coa que o pasado luns se dirixiu aos señores e señoras deputados/as, foi apenas o simple produto dun lapso e non o resultado dun puro e duro afán por feminizar ás bravas a gramática cervantina, tal e como algúns/algunhas viñan suxerindo, proclamando e/ou, chegado o caso, mesmo despeiteando as guedellas e esgazando as vestiduras. "É que resulta que eu viña de estar en El Salvador" -subliña Dna. Bibiana- "onde si que é usual a dita forma, `membras´, e de aí o erro".

Menos mal! Aleluia! Aínda ben que xa sabemos de quen foi a culpa. Político -ou política, como Vdes. prefiran-, antes que todo e mais ao fin e ao cabo, a Sra. Aído xa atopou un culpable a tempo. E cal mellor que os coitados habitantes, e "habitantas", da República de El Salvador? Pois si que manda chover cos salvadorenses! Porque, claro, sabido é que son eles/elas os que poñen patas para arriba canta gramática, léxico, álxebra, xeometría ou física cuántica lles poñan por diante! Aínda que ben pensado... de veras que son os de El Salvador? E non padecerá, se cadra, Dna. Bibiana desa mesma confusión xeográfica que noutrora aflixira a D. Federico Trillo? Fagan memoria os, sempre moi amables, lectores: "¡Viva Honduras!" Claro que El Salvador, Honduras, a Patagonia... aproveitando a alianza de civilizacións, por que non os colonizamos de novo? Mesmo é posible que, se tal facemos, de tanto cruzar o Atlántico, algún ministro e/ou ministra acabe por aprender a falar correctamente! O dito: a culpa foi de El Salvador. Ou, xa postos, por que non do PP, que eses sempre andan a enredar? Ou... que me din aínda do cha-cha-chá?

Din que dicía Napoleón Bonaparte que todo soldado francés levaba gardada no seu equipo de combate unha vara de mariscal de la France e, xa que logo, a afección dos gabachos pola grandeur de la Patrie e demais. Mentres, nestoutro lado dos Pirineus tal semella que cadaquén leve un filólogo -un gramático ou membro/membra dalgunha Real Academia- no seu particular maxín. Certísimos de que "la lengua es patrimonio de todos y no de cuatro académicos", houbo -e persisten!- quen se atreveu, por exemplo, a discurtille a D. Ramón Menéndez Pidal que "en castellano la b y la v se pronuncian de forma diferente" (sic!!). Argumento a favor de semellante tese? "Así me lo aprendí yo en la escuela". E o peor é que, nalgún caso, tal afirmación resultaba ser verdade.

Teñen idea os lectores de quen veñen sendo D. Albert Fire e mais D. Peter Grünberg? Coñecen algunha cousa acerca da magnetorresistencia xigante? E que me din acerca de D. Andrew Fire e mais de D. Craig C. Mello? Algo que engadir ao concepto de ribointerferencia? Nada, absolutamente nada? Pois que queren que lles diga? Un servidor tampouco. Agora, iso si: quen non ten clarísima unha lista de dez ou quince posibles, merecentísimos candidatos ao Nobel de Literatura -por certo, os anteriormente citados veñen de obter tal premio en Física e Medicina, respectivamente- e aos cales, seica, non llelo conceden apenas por puro politiqueo? E quen non elaborou xa, así mesmo, unhas normas ortográficas "modernas" (sen "innecesarios" h nin tampouco distinción entre g/j, b/v ou acentos sobre as esdrúxulas, graves e agudas) para o castelán que substitúan estoutras, anticuadas e fachosas, da RAE?

En fin; xa postos, e máis aquí, á nosa beira: queda aínda alguén que non teña formada unha opinión sólida arredor da lexitimidade/ilexitimidade de pra/para, irmán/irmao ou na hora de empregarmos Galicia ou Galiza? "O máis parvo, reloxeiro" Vale, pode que iso sexa así en Suíza, que son moi raros; entre nós, está claro. "o menos espilido, un sabio en materia filolóxica!".

Daquela: é correcto dicir/escribir "membra"? Decidímonos por Galicia ou por Galiza? Este modesto cronista pensa que debemos arranxar a cousa de acordo coa nosa máis enxebre tradición: que os Parlamentos creen, pero xa!, as correspondentes comisións e que, como diría o xenial Acebes, non se descarte ningunha das posibles vías. Polo demais, no tocante aos posibles afectados, e afectadas, malo será que non teñan cabida nalgún show nocturno de Tele5.