Esta semana tiven a fortuna de participar nunha sesión conxunta dos dous clubs de lectura que funcionan na Biblioteca Pública de Vigo. Foi esta unha experiencia da que saín moi satisfeito. Acudira ao chamado dos membros (a maioría mulleres) do Club de lectura de Vigo e do Club de lectura "Irmáns Álvarez Blázquez", que se reúnen semanalmente na nosa única Biblioteca pública, para conversar arredor do libro que están lendo este mes, "A cidade e os días", o calendario cronolóxico de Vigo de Xosé María Álvarez Blázquez que publicamos en Xerais hai pouco. Durante case dúas horas, que pasaron para todos nun plis plas, falamos de don Xosé María, a quen lembraron con agarimo e admiración algunhas das persoas participantes, da xénese da obra nestas páxinas de "Faro", do devir e valor bibliográfico das súas tres edicións, das dificultades e criterios da tradución para o galego e, sobre todo, botamos as redes na memoria deste Vigo de impronta corsaria, tan desmemoriado ao tempo que sempre punxente e inquedo. Despois de visitar as instalacións da Biblioteca (moi concorrida, na que se nota un importante esforzo dos seus escasos profesionais e un dinamismo lector que ata descoñecía, mea culpa!), saín do Casco Vello feliz coma un cuco cismando nas enormes posibilidades que para a promoción da lectura teñen iniciativas coma esta dos clubs de lectura vigueses.

Os clubs de lectura, nacidos a maior parte deles nas bibliotecas públicas, son un fenómeno recente que en Galicia está gañando terreo. Persoas afeccionadas á lectura, xeralmente apoiadas por un bibliotecario, reúnense periodicamente para compartir a súa experiencia lectora, convertendo así a biblioteca en espazo de encontro e socialización, ao tempo que nun servizo público especializado de fomento da lectura e de acceso á información dispoñible nos seus fondos, sexan os impresos (libros, xornais ou revistas) ou os electrónicos (cedés ou Internet). Nalgúns casos, estes clubs de lectura convidan aos autores das obras a participar nas súas reunións, pechando así o espazo da comunicación literaria. A satisfacción, mesmo a emoción, da que me teñen participado algúns escritores tras participar nestas sesións intensas (nalgúns casos alongánse varias horas) de contacto coas lectoras (insisto nesta cuestión) estimula o seu proceso de creación e alenta a promoción dos seus libros por medio do boca orella. Noutros casos é a Internet, por medio dos blogs ou das mensaxes enviadas por Twitter, o medio que permite compartir as lecturas e a participación no debate que estas suscitan. A forza e o protagonismo das lectoras acrisólase así nestes novos clubs de lectura.

Experiencia pioneira deste tipo en Galicia foi a "Lonxa literaria" de Moaña que dende 1999 ven organizando cada mes e medio tertulias con escritores. Outra actividade primeira deste mesmo tipo é a do Club de lectura Alecrín de Vigo, que cada ano escolle catro títulos de literatura escrita por mulleres para compartir a súa lectura. Outro modelo exitoso é "Literactúa", neste caso unha iniciativa municipal, promovida polo departamento de Normalización Lingüística do concello de Carballo, onde cada trimestre se escollen tres libros en galego, que logo se debaten cos seus autores en diversas librarías e establecementos hosteleiros da vila. Outrosí podemos dicir de experiencias máis recentes, como as dos cinco clubes lectores existentes en Pontevedra, algúns animados pola asociación cidadá "Maislibros"; as dos catro clubs das modélicas bibliotecas públicas coruñesas, cunha importante actividade dos seus blogs; dos encontros e actividades de promoción lectora, promovidos no concello de Gondomar, pola asociación "Espazo Lectura", organizadores dos ciclos "Contomar", "lendo contigo" e dunha fermosa campaña de "bookrossing" (solta de libros na procura de lectores); ou a dos "Lectores galegos en Bos Aires", club que se reúne no famoso café Tortoni da capital arxentina, tan frecuentado pola intelectualidade galego do exilio, para conversar sobre textos da literatura galega. Clubs de lectura aos que habería que engadir máis dun centenar que xa funcionan no corenta por cento dos centros galegos de ensino secundario, o que constitúe unha esperanzadora mobilización lectora da que non tiñamos precedentes en Galicia.

Os clubs de lectura, recoñecidos oportunamente na nova lei galega do libro e a lectura, revolucionan radicalmente o funcionamento da biblioteca pública, que xa non pode ser considerada como un mero almacén de libros ou unha silenciosa sala de estudo para estudantes e opositores. Os clubs de lectura das renovadas bibliotecas públicas galegas chaman a nosa porta como unha forma de participación cidadá dende a lectura. Unha iniciativa que merece ser apoiada e divulgada.

bretemas@gmail.com