Manuel Bragado
Unha das experiencias cotiáns máis impactantes que temos a fortuna de vivir con certa frecuencia os vigueses é contemplar dende o miradoiro do paseo de Afonso ou dalgúns dos outros do noso anfiteatro as manobras de atraque dos transatlánticos. Eses formidables edificios de ferro e cristal, nalgúns casos de ata quince pisos, achegándose amodiño ao peirao da Laxe constitúen a mostra da beleza dunha arquitectura móbil que por coñecida non deixa de engaiolarnos polo seu movemento. Foi esta semana a visita de varios buques -entre eles o "Independence of the Seas", o maior cruceiro do mundo, cunha eslora equivalente a tres longos de Balaídos, agachando no seu corpo marabillas e alfaias que só podemos imaxinar pola crónica de "Faro"- os que nos devolveron o imaxinario de cidade portuaria cosmopolita do que tanto nos gusta fachendear aos vigueses. Os misteriosos movementos de aproximación destes xigantes do mar pola formidable avenida de salitre da ría (tan nosa e tan viguesa coma a Porta do Sol), debuxando co seu ronsel un "skyline" virtual que compite co das nosas edificacións portuarias, constitúe un espectáculo que, inevitablemente, concentra a nosa atención. As manobras deses edificios móbiles, anunciadas polo asubío das súas sirenas, encetan o percorrido dunha cidade toda que imaxinamos se move a velocidade remolcada. "Hoxe hai barco, hai barco..." moumeamos para nós, con satisfacción pouco disimulada, coñecedores que temos a fortuna de vivir durante unhas poucas horas a experiencia desa beleza fugaz ao alcance dos habitantes de moi poucas cidades do mundo.
Non hai dúbida que, tras o peche do fluxo migratorio americano, que protagonizou o noso porto durante case un século, hoxe grazas a estes cruceiros e ao transporte de contedores, o noso porto volve coller novo pulo. O tráfico portuario xeral incrementouse de forma moi notable nos últimos anos, situando ao noso porto como un dos máis firmes candidatos para convertirse en cabezaleiro da primeira autoestrada do mar de Europa. Outrosí sucede como porto de tránsito para os cruceiros máis grandes do mundo, recibindo no último ano un centenar destas embarcacións que achegan á cidade e os seus arredores a máis cento cincuenta mil turistas, unha cifra que supón unha inxección de entusiasmo renovador para o sector comercial e para a restauración viguesa, ao tempo que para a nosa proxección turística e cultural. O porto vigués volve moverse a un ritmo punxente, constituíndo un dos sectores que máis emprego, actividade económica e proxección proporciona á cidade metropolitana.
Mais este non é un fenómeno novo na nosa historia. O crecemento da nosa antiga viliña mariñeira e corsaria forxouse arredor desta abella da ribeira que atraeu ás máis importantes embarcacións. Xa a finais do século XIX, cando nin sequera dispoñiamos do peirao de ferro, a cidade emerxente recibía a visita de ilustres viaxeiros que saltaban dos buques fondeados na baía, quedando como acontecementos da historia viguesa. Non é unha lenda urbana a visita que un día do mes de xuño de 1878 realizou á cidade o escritor Xulio Verne, quen oito anos antes xa inmortalizara literariamente a nosa ría en "Vinte mil leguas de viaxe submarina". Como tampouco é lenda que cincuenta anos despois desembarcara no peirao da Laxe o inventor boloñés Guillermo Marconi quen a bordo do seu iate laboratorio "Electra" percorría diversos países europeos. O nobel italiano visitou Bueu, onde fora convidado polos conserveiros Massó, e foi recibido polos responsables do Real Club Náutico. E coma eles dous, millóns de viaxeiros anónimos colocaron Vigo no mapa das súas memorias.
Non esquezamos que, ademais de cidade portuaria internacional e capital pesqueira do Atlántico, somos do grupo moi escollido de cidades do mundo que saben edificar esta complexa arquitectura mariña, actividade que os nosos empresarios, enxeñeiros e obreiros metalúrxicos, tras un difícil proceso de reconversión industrial, souberon reinventar na derradeira década de forma asombrosa (un éxito empresarial que merece a maior admiración). Razón de máis para que a cidade non quede de costas sobre o futuro de tan importante realidade económica. Acadar un grande pacto da cidade co seu porto (e co desenvolvemento de todas as súas actividades: cruceirista, pesqueira, de tráfico de mercadorías e de construción naval), compatible co gozo da beiramar pola cidadanía e do desenvolvemento sostible da ría, constitúe a prioridade no desenvolvemento estratéxico metropolitano. Agora que, afortunadamente, se desentupiu o tapón do PXOM (quizais só un alivio momentáneo), urxe acadar o consenso sobre o plan de usos do porto e sobre a ampliación das súas instalacións. "Hai barco, hai barco..." moumeamos agradecidos.
bretemas@gmail.com