Xustamente ao día seguinte do traslado do monumento a Curros Enríquez desde a Praza de Compostela ou Alameda de Vigo ao pé da muralla da fortaleza do Castro comezou na cidade unha polémica, se ben de ámbito restrinxido e mormente privado. Houbo quen considerou a traslación unha ofensa; a memoria de Rubén Darío que se quería pór por cima do de Celanova. E houbo que non vía, mesmo dentro do galeguismo vigués, con maus ollos que, á portuguesa, se fixese no Monte do Castro unha especie de paraíso das figuras literarias galegas, polo que o monolito a Martín Códax ficaba moito ben con Curros a carón e con outras efixies posibeis de escritores distribuídas entre a fronda, efixies que nunca deron chegado mentres que a Cruz dos "Caídos por Dios y por España" se facía eterna na contorna. Naturalmente eu sempre estiven cos partidarios da primeira postura e formei parte da tendencia que postulaba a reposición de Curros na Alameda acompañada, se fose posíbel, por un acto de desagravio.

Tamén na Coruña se falara de trasladar o monumento a Curros, obra monumental de Asorey, a non sei cal monte. Pro, naquel caso, Otero Pedrayo tomou a palabra e pronunciouse públicamente contra o traslado; houbo queixas múltiples e a cousa ficou como estaba. O traslado do monumento a Curros puido ter sido, e non foi, un episodio moi importante no proceso de desgaleguización e franquización da cidade da Coruña que se inaugurou na era Molina Brandao e que culminou na era Francisco Vázquez. O Concello da cidade da Torre de Breogán, que algúns persisten en lle atribuir a Hércules porque pareza menos nacional, e mais a Academia Galega con sede na Rúa das Tabernas, acaban de conmemorar espléndidamente o centésimo aniversario do enterro de Curros no cemiterio mariño de San Amaro, o que parece indicar que a Coruña comeza a recuperar conciencia das súas responsabilidades galega e democrática.

Con todo á Coruña aínda lle resta moito camiño nacional e democrático por andar en materia de estatuas e de nomenclatura urbana e mesmo sanitaria.

Hoxe non toca falar de Millán Astray nin de Juan Canalejo nin da Coruña, senón de Curros Enríquez e de Vigo. Parece ser que a campaña que levamos coma un cruz ao lombo durante máis de cuarenta anos foi finalmente escoitada polas autoridades municipais de Vigo, que fixeron público o seu propósito de restituiren Curros na Alameda onde o puxera na primeira década do século XX o pobo e a Sociedade "La Oliva", presidida polo nacionalista Manuel Gómez Román. Teño que felicitar a todos os participantes en tan teimuda reivindicación, en especial a quen conseguiu reunir a derraia colleita de asinaturas en favor desta causa política-cultural e que foi Xosé González Martínez.

E felicitar tamén a Gerardo González Martín como autor do texto do documento. Agora imos ver con que dilixencia os poderes municipais compren a súa palabra.