Creo que dende o primeiro momento que coñecín o sigñificado da palabra feminista reivindiquéime coma tal. Ao longo da miña militancia feminista teño escoitado todo tipo de cualificacións pexorativas dirixidas ás mulleres que así nos reivindicamos e seguímolo a facer; cecais o problema radica nunha mala comprensión do que é o feminismo e o que as feministas promovemos.

Quen somos as feministas e qué defendemos? Moi sinxelo e claro: somos mulleres que consideramos lexítima a igualdade de dereitos entre homes e mulleres e que nos esforzamos por acabar con todo tipo de discriminación por razón de sexo. É posible que isto sexa censurable?

Pero aínda hoxe se nos cualifica de amargadas, insatisfeitas, marimachos, cando non de lesbianas - como se isto fose un insulto- por moitos homes e algunhas mulleres que descoñecen o que ao longo do último século as mulleres feministas fixeron e seguen a facer por todas as mulleres, sen lles ter agradecido os logros acadados a favor de todas nós pois as mulleres podemos votar, obter anticonceptivos, ser nais se queremos, traballar fora do fogar, ter relacións libres, obter unha mellor educación, realizar transacións legais e financieiras, desempeñar cargos públicos ou participar en deportes.

Todo isto ven a colación porque hai poucos días preguntábame, ironicamente un estudante universitario, se o meu compromiso co feminismo foi consecuencia dalgún trauma cos homes; pregunta por outra parte moi recorrente cando non se teñen argumentos xa que a algúns homes altéralles o feito de pensar que poidan perder privilexios. Na súa facultade as mulleres sobrancean pola sua responsabilidade e traballo, a par de seren maioría. Loxicamente non entrei na súa provocación, limitéime a dar argumentos que non lle interesaban pois logo marchou da aula. Que dicir diante dunha pregunta que se están a facer tantos homes e algunhas mulleres sobre as feministas? Desexo personalizar a miña resposta, ainda que creo coincidir con todas as feministas cos meus argumentos.

Son feminista porque agardo que un día non moi distante deixemos de preocupar aos homes e que os seus imaxinarios patriarcais se esvaian, e a nosa revolución lenta e pacífica non precise máis de amos.

Son feminista porque creo que o feminismo representa un dos últimos humanismos.

Son feminista porque me permito pensar en todas as irmáns afganas, ruandesas, camboianas ou iranianas.

Son feminista porque o corpo se me queima cando penso nas nenas que sofren a infabulación e a extirpación do clítoris.

Son feminista porque non tolero a violencia contra as mulleres.

Son feminista, e non son nin amargada nin insatisfeita e gósto moitísimo da liberdade.

Son feminista porque quero aos homes que me rodean.

Son feminista porque ao igual que Virginia Wolf aspiro a que todas as mulleres teñan un "Cuarto Propio".

Son feminista porque, como moi ben dicia Susan Sontang, "a primeira responsabilidade dunha muller liberada e levar unha vida o máis imaxinativa, plena e libre posible, a segunda responsabilidade será ser solidaria coas mulleres".