O Pleno da Corporación aprobará mañá seis nomes de muller para outras tantas novas rúas da nosa cidade; nomes que recuperan a memoria de seis mulleres asasinadas e represaliadas polo franquismo. Unha rúa de Teis levará o nome de Ángela Iglesias Rebollar; dúas da zona da Travesía de Vigo os de Rosario Hernández Diéguez "A Calesa" e Carmen Miguel Agra; dúas do PERI de Barreiro os de Margarita Bilbatúa Zubeldia e Urania Mella Serrano; e outra de Pardaíña-Rocío o de Mercedes Núñez Targa. Seis nomes, portadores de historias de vida moi duras, esgazadas en tempos de intrasixencia e terror.

Ángela Iglesias Rebollar, casada con José García Niebla e con dous fillos (José e Eliseo), foi detida xunto ao seu home por agachar a fuxidos; trasladados ao monte da Guía, ambos os dous foron alí asasinados, ela tiña vinte e seis anos. Idéntica sorte correu Rosario Hernández Diéguez "A Calesa", unha rapaciña de só dezaseis anos, vendedora de xornais e simpatizante do Partido Socialista; nos primeiros días de setembro de 1936 foi violada, mutilada e finalmente asasinada.

Carmen Miguel Agra pertencía ás Xuventudes Comunistas e á Agrupación de Mulleres Antifacistas de Vigo. Casada con Ángel Nogueira Nogueira e con dúas fillas (Conchita e Carmiña) "suicidárona" o 23 de abril de 1937, no asalto do bou Eva no porto de Vigo, un dos episodios máis terribles da represión tras o alzamento do 18 de xullo. Aquel día, catro militantes comunistas (Luís Álvarez González, Camilo Campos Méndez e o matrimonio Nogueira Miguel), tres socialistas (Manuel Martínez Moroño e os irmáns José e Fernando Rodríguez Lorenzo) e dous galeguistas (José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, ambos os dous mestres e curmáns de Daniel Rodríguez Castelao), nove antifascistas que representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, despois de moitos meses de esquivar a persecución, pretendían fuxir a Francia por mar dende o porto de Vigo. Cando xa estaban no pesqueiro foron delatados e asaltados por falanxistas, que arrimaron un buque alxibe que deitou auga (primeiro fría e logo quente) sobre a bodega do bou coa intención de que saísen. Os tripulantes non o fixeron e decidiron poñer fin ás súas vidas. Este episodio do bou Eva, no que morreu Carmen de Miguel, silenciado durante o franquismo e apenas mencionado nos anos da Transición, constitúe un dos tráxicos da represión da Guerra en Vigo e merecería ser recordado, canto menos, coa colocación dun monolito nas instalacións do noso porto, onde se produciu. Máis sorte tivo Margarita Bilbatúa Zubeldia, irmá de Antonio e Demetrio, dirixentes da Frente Popular fusilados o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, que conseguiu fuxir a Francia, onde estivo internada nun campo de concentración.

Urania Mella Serrano foi presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas, sección española de "Mulleres contra a guerra e o fascismo" creada tras o triunfo hitleriano en Alemaña, agrupación que en chegou a ter en 1936 50.000 afiliadas. Filla do destacado pensador anarquista e creador do sindicato tranviario de Vigo Ricardo Mella Cea e de Esperanza Serrano, Urania estudou na viguesa Escola de Artes e Oficios, foi profesora de piano e desenvolveu un importante traballo socio-cultural no seu barrio de Lavadores. Casada con Humberto Solleiro Rivera (presidente da Sociedade Cultural e Deportiva de Lavadores), con quen tivo catro fillos, tras o alzamento viuse obrigada a fuxir co seu home, sendos detidos en Redondela e condenados a pena de morte; setenza que se cumpriu para Humberto e que foi conmutada para ela por doce anos de cárcere. Estivo presa nove anos en Saturrarán (Guipuzcoa). Morreu aos corenta e cinco anos, un mes despois de ser liberada e voltar a Galicia, vítima dun tumor cerebral.

Mercedes Núñez Targa, filla de pai galego, naceu en Barcelona, cidade onde foi secretaria de Pablo Neruda, cando o poeta era consul de Chile na cidade condal. Durante a Guerra exerceu labores burocráticos na sede do PSUC, finalizada a contenda, tras pasar tres anos na cadea de Ventas (condenada por un delito de "auxilio á rebelión") fuxiu a Francia, onde colaborou coa resistencia. En 1944 foi detida polos nazis e internada no campo de concentración de Ravensbrück, experiencia que relatou no libro "El carretó dels gossos" ("Una catalana en Ravensbrück"). Despois da morte de Franco, regresou do exilio instalándose en Vigo en 1976, cidade na que viviu ata a súa morte en 1986, loitando con agarimo e tenrura para que se honrase a memoria daqueles que tanto sufriron, coma ela, nos campos de concentración.

Seis nomes borrados ou esquecidos que, despois de máis setenta anos, agroman no noso rueiro para contribuír ao proceso de recuperación da memoria histórica das mulleres da IIª República en Vigo. Un acto de xustiza.

bretemas@gmail.com