En 1967, con cincuenta anos cumpridos, don Xosé María Álvarez Blázquez decidiu revitalizar o proxecto de Edicións Castrelos, que fundara tres anos antes cos seus irmáns. Comezou, entón, unha das aventuras máis apaixonantes e produtivas da historia da edición galega. Coa intención explícita de resucitar a colección "Flor e Froito" das súas Edicións Monterrei, popularizar o libro en galego e convertelo nun negocio editorial normalizado, don Xosé María desenvolveu en Castrelos, durante doce intensos anos, un catálogo de case cen títulos, que permitiu a difusión de 600.000 exemplares, cifras espectaculares que a situaron como a editorial punteira do seu tempo e a que permitiu máis decisivamente, antes do inicio do período autonómico, a ampliación da sociedade lectora na nosa lingua. Don Xosé María organizou o seu catálogo en base a dúas coleccións troncais, "O Moucho" e "Pombal", ás que máis tarde engadiría outras dúas dedicadas a poesía, "Mogor" e "Pico Sacro" (onde se publicaron "Canle segrego" e "Romaceiro da Terra Cha", poemarios do propio Xosé María e Darío Xohán Cabana, que traballou, dende 1970 e durante catro anos, man con man co editor).

"O Moucho", colección publicitada baixo o lema "Libros do pobo para o pobo", constituíu un fito na historia da edición en galego. Cun deseño moi orixinal e cunhas portadas coloristas serigrafadas a cinco tintas, os 58 títulos daqueles libros de 48 a 64 páxinas (tiñan un prezo de trinta pesetas e unha tirada inicial de 3.000 exemplares) inundaron de lectura galega, por vez primeira na nosa historia, ás librarías e ás feiras populares, que tamén alí se vendían estas alfaias. "O catecismo do labrego" (1967) de Valentín Lamas Carvajal, o primeiro título da editorial e libro insignia da colección (chegou ás catorce edicións, vendeu 70.000 exemplares, 20.000 nun só ano) e a serie de "Chispas da roda" de Quesada foron os títulos máis populares da edición en galego do seu tempo; así como "Retorno a Tagen Ata" (1971) a noveliña de Xosé Luís Méndez Ferrín e moitos outros textos, resultado das colleitas do editor no eido da literatura tradicional da súa querenza, como "O refraneiro do viño" e "Cantigas do viño".

A colección literaria "Pombal", iniciouse en 1967, coa publicación de "Cantos de Nadal, Aninovo e Reis". Presentada cun formato e un deseño semellante aos libros da colección Austral, pretendía ofrecer "ao leitor galego" obras tanto contemporáneas como outras "nacidas no pasado, que pola súa fondura, calidade ou interés xeneral merezan saír do cuasi anonimato da rareza bibriográfica" [palabras do editor na presentación da colección]. E abofé que o conseguiu, xa que os 24 títulos de Pombal (moitos varias veces reeditados) serviron para que toda unha xeración de mozos coñecésemos aos clásicos galegos do Rexurdimento -"Follas Novas" (1968) de Rosalía de Castro, "Queixumes dos pinos e outros poemas" (1970) de Eduardo Pondal, "Aires da miña terra" (1971) de Manuel Curros Enríquez-, que por razóns políticas non quixo publicar ata entón a editorial Galaxia. "Pombal", ademais, publicou as primeiras edicións de libros claves como "A fronteira infinda" (1972), o libro de relatos de Celso Emilio Ferreiro; "Contos da néboa" (1973) de Ánxel Fole; "Adios María" (1971) a novela de Xohana Torres; "Dos anxos e dos mortos" (1977), a novela xeracional de Anxo Rei Ballesteros; "O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte" (1979) as estremecedoras memorias de Antón Alonso Ríos, coas que don Xosé María iniciaba dentro da colección a serie "Alexandro Bóveda" coa que se "pretendía esclarecer o pensamento do nacionalismo galego en tódalas súas lexítimas vertentes" (a achega alboral de reivindicación da memoria histórica). Por último, "Pombal" abriu outro vieiro, non menos decisivo, o de iniciar un proceso de diálogo da edición en galego coa literatura universal, a través da tradución de títulos como "Antígona" (1976) de Sófocles ou "A Iliada" (1977) de Homero.

Castrelos, ademais da edición de libros, foi un foco de activismo cultural. Dende a oficina de Pi e Margall 14 alentábase a experiencia de "Serigrafía galega", promovida por don Álvaro Álvarez Blázquez, coa intención da popularización da arte galega contemporánea; como tamén se distribuían as míticas pegatinas ("Falemos galegos", "Galego na escola", entre outras), que constituíron a primeira campaña de promoción de uso da lingua de noso que coñecemos.

O labor editorial de don Xosé María en Castrelos foi o dun xigante do que os editores galegos de hoxe sentímonos tan abraiados como humildes herdeiros. Puxo os alicerces para o agromar da edición galega moderna; un testemuño recollido, afortunadamente, decontado por Edicións Xerais de Galicia, mais esa xa é outra historia.

bretemas@gmail.com