"... Pois isso do Salazar foi um ´flop´" A frase coa que damos inicio a esta nova crónica semanal, sempre de bolina, pertence a unha boa amiga, profesora universitaria, nacida e residente na outra beira do Miño/Minho. Nin que dicir ten, a tal vén respostar a unha -varias- preguntas por parte de quen isto escribe en relación, xustamente, a esa,como chamala?, noticia abracadabrante, estoupido fantasmagórico, emulsión de míticos terrores ou, acaso, pura e dura "piada" das audiencias televisivas, consistente en que os nosos conveciños do sur -unha parte deles, mellor dito- vén de declarar a António de Oliveira Salazar como "o maior português de sempre" nun programa elaborado pola RTP; isto é, a televisión pública do noso país irmán.

Supoño aos sempre moi amables lectores ao cabo; non obstante, permítanme que resuma a cuestión. É esta que, no ámbito do programa "Os Grandes Portugueses", -que segue un modelo orixinal da BBC; na Gran Bretaña o escollido foi Winston Churchill; en Francia Charles de Gaulle; nos Usa Ronald Reagan- os telespectadores do mesmo escolleron o que foi durante case corenta anos ditador do país como o seu concidadán máis ilustre en toda a historia. No segundo lugar foi escollido o que foi líder induscutible do Parido Comunista, Álvaro Cunhal. Os dous ben por enriba de nomes como Afonso Henriques, -primeiro rei de Portugal-, Luis de Camões, Vasco da Gama ou o Marqués de Pombal.

Que lles está a pasar aos nossos irmãos, daquela? Porque o caso é que un bo día un inquérito abraia sinalando que o 30% deles estaría disposto a mudar a nacionalidade por estoutra española; algún tempo despois, eses mesmos habitantes do sur do "pai" despáchanse mostrando a súa desconfianza acerca das posibilidades de Portugal como país de seu. E agora, renegando do 25 de abril -Grândola, vila morena/terra da fraternidade/o povo é quem mais ordena!"- un certo número deles amosan saudades de Salazar. "¡Vivan las cadenas!" -dito en portugués, claro- xa que logo?

A ver; segundo os datos que constan, foron uns 65000 -de un total de 16000 participantes; o programa chegou a ser visto por 650000 espectadores- aqueles que elixiron a "opción" Salazar; é dicir, un 41%. Está medio chea ou medio baleira, a botella/garrafa? Verán Vdes: dunha parte, que haxa en Portugal sesenta e cinco mil individuos/as que se repartan entre desinformados perennes; practicantes do sado-masoquismo heavy total; simplemente parvos e/ou auténticos fillos da súa reverendísima nai é algo que non debe asustar/abraiar. Infelizmente, en todas as partes cocen fabas e nin lles digo eu aos amables lectores cantos desas mesmas especies andan por estes pagos ou por outros máis afastados. Porén, si que un servidor entende que nos debe preocupar un tanto, bastante, que toda esa xente se sinta coa decidida vontade, mesmo co espírito de euforia tales para seguir un programa como "Grandes Portugueses" na tv, primeiro, e logo para emtir, militantemente, o seu voto en favor do ditador. A mesma preocupación que causa comprobar como as rúas, prazas e avenidas de Madrid presencian o renovado paso de "filas prietas, marciales/llena tu pecho de azul, español/que hay un puesto en mi escuadra". É dicir; se a maior diabrura do demo consiste en facernos crer que Satán, Lucifer, Belcebú non existen, outro tanto cómpre concluír do fascismo: tamén eles, os seus apoloxistas e seguidores, se disfrazan de "revisores imparciais" da historia para pasar inadvertidos e mesmo semellan actuar como observadores fieis de constitucións e estados de dereito se tal lles convén. Nin que dicir ten, certo (suposto) progresismo á violeta, pensamento deliberadamente débil, democracia made in grandes superficies, talante tolerante rampante megaguay ten moitísimo que ver con este pretendido revival das camisas pardas e/ou azuis. E é que o que molesta, o que fede non é xa -con selo- Oliveira Salazar e ruindades veciñas, senón a trivialización, a relativización de tiranías escuras que morreron matando.

Polo tanto, non sei se, como quere a miña amiga, todo se trate dun "flop", puro fiasco. En todo caso, si cómpre lembrar, tendo en conta a época do ano que habitamos, que hai cousa duns dous mil anos, aló en Xudea, houbo tamén un certo, bastante, número de fillos da súa reverendísima nai que na vez de absolver a un tan Cristo preferiron deixar ceibo a Barrabás.