Sendo eu estudante de filoloxía románica en Madrid ninguén puña en dúbida a galeguidade da lingua falada en Asturias entre os ríos Navia e Eo. Había ma información verbo das falas de Hermisende (Zamora) e Os Tres Lugares de Cáceres pro a condición galegófona da Asturias Occidental cuestionabase tan pouco como a galeguidade do Bierzo Occidental. Dámaso Alonso, que, alén de autoridade científica máxima, era orixinario familiarmente da Terra Eonaviega, nunca nos permitiría tales dúbidas, nin tampouco o faría o bibliófilo e cadro político do galeguismo Fermín Penzol, que igualmente viña daqueles fermosos países da Galicia septentrional e oriental. Hoxe a ciencia dialectolóxica coñece moito mellor as falas de Occidente de Asturias e ninguén que non estea movido polas formas máis escuras da paixón política antigalega (en Asturias prenderon neste tempo) pode en serio pensar doutra maneira.

Por cima de seren coñecidas as falas galegas estremeiras moito mellor do que eran na miña mocidade, hoxe existen poboacións locais ampliamente informadas sobre a propia condición lingüística, que elas aceptan como galega indubidábel. É ben interesante, segundo me referen, o documental cinematográfico Fronteira, de Rubén Pardiñas, que acaba de ser estreado con enorme éxito en Tui. Igualmente, e na mesma dirección de autoestima e de aprezo das característica culturais propias, os asturianos da "Asociación Abertal del Eo-Navia" presentarán mañá sábado, precisamente na vila de Navia, un ben estructurado Informe sobre a lingua da Nosa Terra Eo-Navia. Tal informe vense sumar aos materiais valiosísimos difundidos no pasado próximo pola "Mesa pola Defensa del Galego de Asturias" que tan ben animou con arroutos pioneiros o doutor Benigno García Braña, de Eilao (concello deturpado como Illano, saberá o Diaño por que). E estoume a referir dos inesquencibeis números da revista A Freita e tamén aos poucos volumes da Britonia, que é a expresión universitaria galega da Terra Eo-Navia.

Resulta para min moi chamativo o feito de que nas Asturias Occidentais existisen ao longo do século XX e sigan florecendo hoxe grande número de poetas, novelistas e ensaístas que usan do galego (dialectal ou normativo) como medio de expresión natural. Desde Antolín Sánchez Mediante a Frías Conde e Eva Moreda son moitas as persoas eonaviegas que se expresaron literariamente e se expresan en galego orgullosas da súa diferencia. Eu boto de falta no "Informe Lingüístico" de Abertal unha boa antoloxía de autores asturianos occidentais de lingua galega. Porque a vindicación da galeguidade das terras da marxe dereita do Eo tamén debe incluir a difusión de feitos coma este: na Terra Eo-Navia hai escritores en galego e tamén en castelán (algún tan importante como Dámaso Alonso, por razóns de orixe familiar, ou Carlos Bousoño, por razóns de nacemento); pro non existen escritores en bable, asturleonés ou asturiano.

Navia, ou Nabia, era unha divinidade das augas que tivo moitos adoradores na Gallaecia. Mesmamente, o seu culto extendeuse pola Lusitania abaixo. Son varios os ríos e lugares de procedencia acuática que aínda hoxe levan o seu nome, indoeuropeo e antiquísimo, en forma de Navia, Návea, Neiva, na Galicia Administrativa, na Galicia Exterior e no Norte de Portugal. Nunha destas Navia, na máis septentrional de todas, celebrarase mañá o acto da "Asociación Abertal del Eo-Navia". Espero que a fermosa deusa cuxo nome o cristianismo non deu borrado da face do País lles sexa propicia.