É sobre Dereito Europeo e para xovens xuristas. Chámase "European Moot Law Court Competition". Gañou tal competición o equipo do Colexio Europeo de Bruxelas dirixido por Antía Tresandi Blanco, galega de Vigo. O final da competición foi contra Harvard. Antía é antiga alumna do Instituto Santa Irene no que eu xa lle din clases ao seu pai. Logo ela foi licenciarse en dereito a Salamanca. O entorno de Tresandi Blanco está reloucante de ledicia por este triunfo espectacular. E penso que o caso de Antía pode dar para alguna consideración de caracter xeral, aínda que eu me uno de corazón aos que celebran o acontecemento.

O feito de que os xuristas mozos de Harvard, modelo de centro de ensino capitalista dos EEUU, fosen derrotados, no máis puro estilo que caracteriza a ética hexemónica do seu país, por un equipo que representa un centro universitario europeo independente do capital, pode alimentar a nosa autoestima nesta hora de adoración ao amo superior que o defunto Aznar simboliza. Que a portavoz finalista do grupo vencedor sexa unha moza galega e viguesa, aínda máis nos gratifica. Que esa xove xurista proceda dun Instituto e non dun colexio privado así como da moi antiga e venerábel Salamanca e non dunha desas corporacións que usurpan hoxe o nome da Universidade, podería constituir para este cronista ocasión magnífica de defender o ensino estatal fronte ao privado. Pro eu noto hoxe que é tan evidente a superioridade do primeiro sobre o segundo que estes parágrafos que acabo de redactar seguramente sobrarían.

Penso que o de Antía, aínda sendo caso sobresaliente, non é único, e iso é o que debería inquietarnos. Son moitos as persoas novas que, formadas en Galicia, acadan niveis académicos e científicos de altura transnacional. Mesmo poderiamos considerar que a que hoxe flores nunha primeira madurez científica, é a xeración mellor formada da Historia de Galicia. O mérito correspóndelle, ante todo, a esa mesma mocidade estudosa, pro tamén ao sistema educativo público que soubo iniciala e preparala e a aquelas familias, principalmente de clase media e traballadora, ilustradas e con fe na función liberadora da cultura, que animaron e apoiaron estes rapaces e raparigas. Pro non é menos certos que esta xeración de triunfadores intelectuais se encontra, en grande parte, fóra de Galicia e que tal destino é o que lle está marcado á maioría dos que aínda hoxe frecuentan as aulas con alto rendemento académico. Os mozos e as mozas estudosos, as familias que os alentan, os profesores ben dotados que os inician nas ciencias e nas técnicas, cumpren co seu deber. Non así a retardataria e vulgar burguesía galega que só lles ofrece inseguridade non emprego, baixos salarios e menosprezo dos seus coñecementos, nin tampouco as grandes empresas foráneas aquí asentadas colonialmente que non invisten un euro en formación e cultura, e que igualmente infravaloran a escelencia (dise agora así) desta xuventude. Xuventude galega que, sen posibilidades de vida en Galicia á alturas das súas capacitación, vese obrigada a emigrar na maioría dos casos sen desexalo.

Si, a política nefasta da Era Fraga Iribarne contribuiu decisivamente á expulsión de Galicia das mellores mentes científicas e profisionais para perpetuar no País a mediocridade ligada ao clientelismo político. Xa é hora de que esto mude e de que teñamos aquí a Antía Tresanda Blanco e a todos os novos e novas que, coma ela, faría máis habitábel este soño que chamamos Galicia.