Saber que a obxectividade non existe é como unha especie de contrasinal co que os periodistas identifican ós que son do gremio. E verdades hai moitas, non tantas como xente pero si máis que relixións. Todo foi sempre bastante depende, pero contra ese relativismo extremo que tanto alarma ó papa Bieito sempre houbo algo que se chamaba criterio. Era unha virtude semellante ó sentido común, algo máis escasa e máis precisa. Agora, sen embargo, parece estar en perigo de extinción.

Sentido común tampouco é que haxa moito, como revela o caso deses pais do Bolo que se negan a que no bus escolar viaxen adultos cos seus fillos. Os argumentos de que hai perigo de contaxio (dos adultos ós nenos) ou de agresión (dos nenos ós adultos), é decir, exactamente o contrario do que dicta a experiencia, evidencian que tamén se perdeu o sentido do ridículo á hora de expoñer razóns, porque se lles parece inconveniente que viaxen cos tíos ou avós dos seus compañeiros, non sei como outros pais soportan que os seus cativos vaian en autobús ou no metro. A maiores este asunto é unha proba máis da agonía do sentido da decencia política: o alcalde que solicitou a implantación do programa piloto, apoia agora ós pais obxectores.

Pero minguando os sentidos común, do ridículo argumentativo e da decencia política, o estado do criterio, dalgúns criterios profesionais, é similar ó do lince ibérico. Vai haber que esmerarse e andar con ollo para que non se extinga. O criterio dunha xuíza de Frankfurt, que lle denegou o divorcio a una muller magrebí de 26 anos do seu marido, tamén orixinario de Marrocos, co argumento de que o Corán xustifica que o home exerza a violencia sobre a muller. A maxistrada considerou que, dado que o que aquí chamamos violencia de xénero é habitual no país de orixe, ela xa sabía ó que se expoñía cando casou con el (con el ou con calquera outro, xa postos no argumento). Acolleuse ás raíces culturais da demandante e do demandado, segundo as propias palabras da xuíza, que foi apartada do caso. Ás raíces culturais acolleuse tamén na máis próxima Cantabria o maxistrado Campelo Iglesias (que, con eses apelidos, virá sendo de moito máis aquí) que na sentencia a unha muller que lle petou á amante do seu marido, propúñalles a reconciliación "en el Espíritu de Jesucristo Resucitado", e sinalaba que foi "el maligno" o causante de que o esposo fose ir "beber de otra fuente que estimas menos gastada". Ignórase se o consello foi ou non seguido polos aconsellados, pero o Consejo (General del Poder Judicial) vén de multar ó aconsellador con 600 euros. Parecerán poucos ou moitos, pero son os mesmos que terá que pagar para se librar de penas ese conductor asturiano que puxo o coche a 260 kilómetros por hora porque, segundo o criterio do xuíz que o absolveu, non puxo en perigo a ninguén concreto. Outra sentencia baseada nas raíces culturais. Nas de que se tes un coche que vale 145.000 euros, non hai perigo, nin de matarse nin de que te enchironen, porque se te gastas 24 millóns de pesetas non é para ir a 120. A este xuíz non lle pasou nada, que se saiba. A ver que criterio usa o que teña que xulgar a reclamación xudicial de danos e prexuízos por estar ano e pico sen carné que fará o conductor absolto.

Distraio a súa atención con estes casos xudiciais para non ter que castigalos co tema de sempre. Co curioso que é que os maxistrados da Audiencia Nacional que ían xulgar a Arnaldo Otegui por "enaltecimiento del terrorismo" (por falar ben del, vamos) se queixen, por primeira vez na historia do sector, de que o tiveron que absolver cando lle tiñan preparado un paquete con xeito, porque o fiscal non se portou. Apenas 48 horas antes, o que fora vicepresidente do Tribunal Constitucional, Tomás Vives, referíase na Estrada, na Academia Galega de Seguridade, "a la más que discutible condena de De Juana Chaos por el más que discutible delito de amenazas terroristas". Quizais a xustiza sexa un tema demasiado serio para que se imparta con criterios xudiciais.