Nesta crónica chamarémoslles Eles. Eles: os habitantes políticos da Terceira Persoa. Os que non son Eu fala ni Ti a quen falo. Por Eles se traduce a outredade, a distancia política, a diferencia a respecto do franquismo. Diferencia na que estou Eu, e Ti comigo, e Vós: Nós. Fíxoo John Rutherford e o seu equipo de Oxford. Traduciron como Them o título Eles dun conto galego; un conto de memoria histórica, materia literaria que tanto proe, que tanto proe. Ou sexa que quedamos en Eles.

Eles aplican o protocolo de acción de masas da CIA e axencias do xénero. Este manual de instruccións foi posto en práctica con éxito en Belgrado, en Tiflis, en Kiev, e as accións procuraron o seu nome táctico clave na fitonimia. Ou sexa: "Revolución" dos Tulipáns (faría envergoñar a Fafan La Tulipe), Idem Laranxa. Aquí é a penas "rojigualda". Naturalmente a esas bandeiras dixerámoslles todos "no pasarán" no noso Madrid. Pena que Carrillo e o PCE deixaran pasar esas bandeiras finalmente. Pro hogano, mesmo así, España non é Ucraíña, nin é o derradeiro farrapo de Yugoslavia escartelada, nin é a Xeorxia que borrou Marr e Stalin da memoria. E, vistos como son Eles, hoxe os nacionalistas galegos, vascos e cataláns, coma nos días de Castelao/Luis Soto, están, dun ou doutro xeito, máis ou menos co goberno de Madrid. Digamos que Eles están a se erotizar loucamente nun vórtice de mentira: darían moito (nunca a vida, Eles son cobardes) porque ETA puxese a bomba do tren de Atocha. A chuleta de todas as contrarrevolucións laranxa e dos tulipáns prescríbelles o empecinamento na mentira: necesitan de ETA para vivir, Eles.

Detectamos que Eles están a perder aceite. Non porque Zapatero e Fernández de la Vega se amosen sólidos nas cámaras, que se amosaron. Nas manifestacións de Eles faltaron cousas. Faltou Rouco e faltou o elemento católico inseparábel de Eles. Sáibase que Ratzinger reducira en Valencia a Rouco Varela ao silencio prohibíndolle a participación visíbel na desestabilización de España. Saíron Eles á rúa en Madrid sen a compoñente nacionalcatólica. Vaian restando.

A ausencia de bandeiras galegas (e catalanas e vascas, home non) na manifestación de Madrid, e concomitante advertencia de Fraga Iribarne, demostra que a Eles non lles interesa xa o servil galego aproveitado, co cal Núñez Feijóo, delegado para a Provincia, fica máis empalidecido e triste ca nos carteis electorais despois da súa derrota. Xa non hai galegos como Eles, explicou a maré "rojigualda" de Madrid. Alí Galicia non foi vista. Hai que decer que Eles non son Galicia.

Eles claman contra a anexión de Navarra, ignorando que a tal xa fora executada por Fernando o Católico e con mas artes. E meteron pouca xente en Pamplona en canto na cidade paralela de Iruña había presentes máis humanos de LAB, e moito máis autóctonos, demostrando que Navarra xa non é Requeté e que os cregos nacionalistas afusilados por Franco en Olazagutia deixaron semente laica de liberdade, poño por caso.

Finalmente, todo semella indicar que o Diñeiro está a lle retirar o apoio a Eles. Unha vez Ségoléne no Helíseo (ou Bayreu) e Bush na cloaca da historia, o Diñeiro procurará xogar, como eles din, nun novo escenario. E ese escenario será o da chamada (fraudulentamente) socialdemocracia. Posibelmente nese intre xa non poidamos defender o goberno de Zapatero e De la Vega igual que non defendimos (e mesmo hostilizamos) o de Felipe González. Pero hoxe estamos contra Eles.