O "Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2006", promovido pola Federación de Gremios de Editores de España, salienta as carencias dos galegos no referido a estes comportamentos culturais. A maioría dos xornais sinalaron a súa preocupación polo feito de que Galicia ocupe o penúltimo posto entre todas as comunidades autónomas en lectura de libros, unha cuestión na que semella continuamos en postos de descenso.

Efectivamente, os datos proporcionados por esta enquisa (coa marxe de erro que queiramos concederlle a este tipo de ferramentas de investigación sociolóxica) amosan que no último ano o 53 % dos galegos maiores de 14 anos leu ou comprou, canto menos, un libro (o que se considerada xa un "comportamento lector"), porcentaxe que queda por baixo do 56 % da media e moi lonxe do 63% dos madrileños, os cidadáns con maior interese pola lectura de libros. Datos que estendidos ao trienio 2004-2006, o que permitiría identificar tendencias nun hábito que se modifica amodiño, son igualmente preocupantes: Galicia continúa co 51 % no penúltimo posto (dous puntos por riba de Estremadura), a cinco puntos da media española (56 %) e aínda máis distanciada de Madrid (65 %), Navarra e A Rioxa (59% as dúas), as comunidades máis lectoras das españolas. No entanto, estes datos poden ser enganosos, xa que, a pesar de continuar na cola, Galicia en 2006 medrou catro puntos no seu índice de lectura, dato que constitúe un repunte estatístico significativo e proporciona azos moi esperanzadores.

Secomasí, é doado identificar a existencia dunha correlación entre estes índices de lectura de libros e os indicadores de benestar económico, consumo e urbanización. Xeralmente, os cidadáns das comunidades máis desenvolvidas len máis cós daqueloutras máis atrasadas economicamente (non é unha casualidade que os postos de descenso lector en España estean ocupados por Andalucía, Galicia e Estremadura, as tres comunidades, tamén, con menor renda familiar dispoñible). Feito que se repite se comparamos os índices lectores dos estados da Unión Europea (antes da ampliación), onde os postos de cabeza están ocupados polos países nórdicos (Finlandia e Suecia) e os da cola polos estados mediterráneos (Grecia, España e Portugal), fose por índices de compra de libros, como, quizais sexa isto o máis significativo, polo aproveitamento lector no sistema educativo (os datos dos informes PISA sobre a cuestión son contundentes).

A lectura -ademais dun hábito solitario (que require esforzo, proporciona pracer e permite acceder ás xanelas do coñecemento e do desenvolvemento persoal)- é un comportamento socialmente saudable que proporciona maior benestar e harmonía ás sociedades que máis o practican. Razón pola que todas as Administracións Públicas (Goberno, Xunta, deputacións e concellos) teñen responsabilidade, dunha ou doutra maneira, no desenvolvemento do sector do libro (dende o sector da edición ao das redes bibliotecarias e libreiras) e na promoción da lectura; responsabilidade, aínda maior, no sistema educativo, a institución máis especializada na inculcación deste hábito e na formación dun criterio lector entre todos os cidadáns.

Os índices de lectura (os que hoxe comentamos ou os indicadores de dotación bibliotecaria por habitante, onde Galicia non sae moito mellor parada) expresan a autoestima dunha sociedade por construírse de forma máis igualitaria. Aumentalos (ollo!: non só os de libros e outros materiais impresos; a lectura faise agora en grande medida sobre todo tipo de pantallas dixitais) constitúe en todo o mundo o obxectivo primeiro das políticas culturais e educativas públicas. Os índices lectores expresan a eficacia destas políticas, que xa non poden ser consideradas como meros "adornos" ou "complementos" dunha acción de goberno, senón como indicadores primeiros do seu desenvolvemento estratéxico.

A apreciable mellora dos nosos índices lectores en 2006 (eses catro preciosos puntiños) debe ser interpretada neste contexto. Tras décadas de conformismo lector e educativo, a aprobación da "Lei do libro e da lectura" de Galicia (e a futura posta en marcha do noso primeiro "Plan lectura" cun amplísimo abano de medidas de promoción lectora na sociedade), así como dos novos currículos da "Lei Orgánica de Educación", que colocan á lectura como o primeiro eixo da educación non universitaria (en todas as etapas e materias), son motivos para enunciar un razoable optimismo. Para saír dos postos de cola en cuestións de lectura, as receitas son doadas: dotar de maior visibilidade aos libros na sociedade e no sistema educativo, contar con máis bibliotecas e máis e mellores accesos aos novos medios dixitais en todas as localidades e centros escolares. Algo perfectamente posible.

bretemas@gmial.com