Manifestante español,/manifestante valiente/, el orgullo del sol/fue besarte en la frente/ Y la calle fue tuya/porque te dio la gana./¡A la cárcel De Juana,/a ZP mucha caña/y que viva España! ¡Olé!".

Si, si: así, así, con música! Vexan tal os sempre moi amables lectores destas crónicas:

E é que por unha vez -e, desde logo, sen que sirva de precedente!- cómpre estarmos en perfecta concordancia con ese auténtico Xúpiter tronante das ondas, arauto dos destinos patrios, pastor dos escolleitos da fe, oficiante de toda cerimonia (da confusión, claro) e moi decidido profeta da Apocalipse now que atende por Federico Jiménez Losantos En-Novena-Perpetua e hostia, digo ora, pro nobis, amén. Explícome decontado.

Certamente, a un servidor non lle vai para nada iso de cantar polas mañás -sobre todo, por mor de certa resaca (crónica) que me acompaña desde tempos inmemoriais- e moito menos prestar atención a outro que si que cante, e tanto!, nesas horas nas que, como escribiu o poeta, seica é rosicler o día e rosas a alba, ou como queira que veña sendo a cousa lírica e barroca. Porén, para algo están, nin que dicir ten, os magníficos servizos de telecomunicações, informação e esculcas várias deste venerable rotativo e/ou, en ausencia deles, tamén esoutros cibernéticos e moi "modelnos" do YouTube. A eles remito aos interesados, naturalmente.

Pois ben; é o caso que o Sr. Jiménez Losantos vén de anotar -en referencia á manifa supermegaguay e hiperespañola total do pasado sábado- apenas a falta dun detalle que tería significado unha auténtica guinda para tan doce e apetitoso pastel(ón). Trátase da música; mellor dito, da ausencia da mesma durante o percorrido xentil dos tropecentos mil, tres millóns, cinco millóns, sesenta millóns, setecentos millóns... de patriotas votantes populares polas rúas, prazas e avenidas de Madrid, Madrid, Madrid, pedazo de la España en que nací. Na opinión de D. Federico -opinión que desde aquí corroboramos, apoiamos, aplaudimos-, para alén do Himno Nacional, a manifa debeu contar durante todo o seu traxecto cun pertinentísimo acompañamento musical. E como queira que o movemento se demostra andando, o Sr. Jiménez Losantos ilustrou decontado a tan asisado comentario radiofónico coa emisión dos inmortais acordes dos, á súa vez, máis que inmortais "Suspiros de España": "Quiso Dios, con su poder/fundir cuatro rayitos de sol/y hacer con ellos una mujer". De coña, din? ¡Palabrita del Niño Jesús que para nada! O que pasa é que D. Federico é moito. Como din os post-post-modelnos, "me puede".

Cabe esperar, daquela, que D. Mariano Rajoy e mariachis adxuntos/as -en plena epifanía da súa "posta de largo": talmente, a algún/algunha líder "popular" xa só lle falta que papá e mamá lles dean permiso para saír de noite, que chuli!- atendan as peticións do gran gurú radiofónico matinal, e aínda tamén estoutras nosas (coitados e simples, se ben que benintencionados, agnósticos que somos!) e deste xeito as futuras manifas -de manifa en manifa y tiro porque me toca- se vexan oportunamente amenizadas polo poderío de corcheas, fusas, saxos, trompetas, pratos e bombo dunha ben afinada banda, baixo a batuta enérxica do seu excelso director. A verdade é que, non sei Vdes., pero a este modesto cronista xa lle está a demorar a próxima manifa organizada polo PP. Velaí que vai dar gloria vela, mesmamente! Fermosa, bonita, chula e máis que rechula que ha de resultar a tal -e disimulen que faga miñas as palabras de D. Mariano Rajoy- con centos de bandeiras despregadas a todos os ventos das Españas mentres o paseo triunfal dos nobres paladíns, "ya se oyen los claros clarines", vén escoltado polas notas trepidantes de "El beso", "En er mundo", "Marcial", "España cañí" ou, para a nostalxia máis heavy, "Paquito el chocolatero" e Vdes. xa me entenden. Velaí que, xa postos, Dna. Esperanza Aguirre pode acudir á mesma en calesa e con mantilla; a ambos os lados D. Eduardo Zaplana e D. Ángel Acebes, os dous con traxe curto de xinete xerezano. E á fronte, sempre á fronte, o Sr. Rajoy, de luces -en grana y oro-, envexa de todo un Curro Romero!

E é que... que lle queren? ¡Federico Jiménez Losantos y España somos así, señora!