Canta máis información se teña e se dispoña de máis datos, mellores decisións se toman. E as institucións públicas, como teñen ferramentas bastantes para facer estudios e análises e non están guiadas por intereses particulares, escollen as opcións que favorecen a todos, e se non pode ser a todos, polo menos á maioría. Se está de acordo con esto -como de seguro o estará a miña sogra, con matices- adiántolle que non lle vai gustar o que vén, e mellor volva ler o de Vence ou vaia directamente ás páxinas de deportes.

Para que vexa que nin eu nin vostede tiñamos razón, imaxine que o neno -o neno seu, un neno prestado ou un neno teórico- precisa un ordenador, porque o necesita no colexio e ata as normas da UE sinalan expresamente que o rapaz non pode seguir escribindo a man e consultando a brazo a obsoleta enciclopedia que fai xogo co tapizado do tresillo. Vostede anuncia solemnemente a el, á familia toda e incluso llelo fai saber á comunidade educativa que llo vai mercar. De alí a un tempo prudencial -antes de que remate a súa escolarización, por exemplo- aparece co aparato e inaugúrao con toda pompa e cun discurso no que lle recorda o moito que fai por el e que nunca é tarde se a cousa paga a pena. Ata os que non teñen fillos imaxinaran a reacción do infante se, finalmente, nese momento ou despois, o aparato resulta que non traballa. Pois esto mesmo é que nos fixeron coa metade dos sistemas de depuración das nosas augas, naqueles reducidos casos en que se crearon. Boa parte dos cartos que metemos nese sector, moitos desde o punto de vista da cantidade, poucos se o miramos desde a necesidade, é como se os tiraramos polo mesmo sitio onde van as augas residuais. Non é que nalgúns casos deixaran de funcionar porque mantelas custaba uns cartos que o concello agraciado non tiña, que tamén. É que noutros casos, as instalacións simplemente non servían. Que lles vou contar ós que adoitan pasar preto do ex-río Lagares. Igual que resulta agora que o trazado do AVE na entrada á Coruña se deseñara sobre mapas cartográficos de hai 14 anos, co que cambia todo en 14 anos. Non se deberon parar moito, porque a primeira solución non lle gustaba ó daquela alcalde Paco Vázquez (e a ninguén, todo sexa dito) así que Álvarez Cascos e Núñez Feijóo, que daquela eran os que mandaban nas obras, argallaron esta. Había presa e non repararon en que o tren pasaba polo medio de poboacións como Cambre e por riba dun paseo fluvial feito do trinque, nin perderon o tempo en pedirlle información ós alcaldes.

Evidentemente, toda é culpa é do PP -e aquí a miña sogra deslígase do consenso que tiñamos eu, ela e vostede-. A caricatura de 16 anos de acción de goberno da Xunta, esaxerada na forma pero real no fondo, é a dun equipo facendo, pero sobre todo facendo que fai, mentres o presidente anda de acó para aló traballando tremendamente en estar moi ocupado. De cando en vez íase mundo adiante, de Libia á Pampa, a recibir trato de xefe de estado e facerse fotos cos líderes respectivos e deixarse ver entre os inscritos no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes). Fóronse aqueles, viñeron estes, pero, para fixarnos nun símbolo, non se renovaron os planos de marras. Os alcaldes afectados están a agardar a que o presidente da Xunta veña de Brasil para contarlle o de que os mapas son vellos, pero a cousa pinta mal porque Touriño antes de irse xa deixou dito que hai presa.