Leva dando voltas polos medios de comunicación a decisión dos responsábeis do BNG de abrir un procedimento interno, con todas as garantías, a un afiliado que encabeza unha asociación de amizade co Estado de Israel, unha decisión que merece críticas furibundas. O procedimento eventualmente podería levar a este afiliado a ser separado das filas do BNG. Din os detractores desta medida que con ela se cuestiona o dereito das minorías a se expresar, que atenta nada menos que contra os dereitos humanos. En esencia, que é antidemocrática.

A pesar de que un xa "peitea canas", non deixa de sorprenderse do tipo de afirmacións que se poden facer, non sei se desde a mala fe, ou desde a confusión político-ideolóxica máis absoluta. En todo caso, sementando todo tipo de "verdades universais"absolutamente falsas.

Porque nun sistema democrático, debe ser posíbel defender todo tipo de ideas e, en consecuencia, poder asociarse para ese fin. En función desa premisa constitúense grupos políticos, con idearios diferentes e asociacións coas propostas que desexen. O que non é certo é que democracia signifique que cadaquén poida pertencer a un grupo político e defender ideas contrarias ás do seu ideario, aos principios ideolóxicos, políticos ou organizativos arredor dos que este se aglutina. Nin no BNG nin en ningunha outra forza política.

O BNG, desde a súa fundación, defende o anti-imperialismo e o dereito dos pobos á autodeterminación. De momento, ese principio non foi modificado. En función diso, é lóxico que o BNG defenda o dereito dos palestinos a crear o seu propio estado, ao que se opón a actuación do Estado sionista de Israel, que coloniza, oprime e vulnera sistematicamente os dereitos humanos dos palestinos. O Estado sionista de Israel, co apoio de Estados Unidos, tense saltado absolutamente todas as resolucións das Nacións Unidas, e é un factor de desestabilización permanente no Próximo Oriente (guerras, ocupacións de territorios...) Esta idea sobre quen practica o colonialismo, actuando de xeito imperialista, é defendida non só polo BNG, senón tamén por sectores do pobo israelí, aínda que sexan minoritarios.

Xa que logo, calquera pode estar a favor do Estado de Israel; é discutíbel, mais lexítimo. O que non parece razoábel nin defendíbel é que se pretenda facer desde as fileiras dunha organización que pensa xustamente o contrario. Terá que facelo desde outra, e hainas que actúan coa suficiente dupla moral ao respecto.

Non confundan á opinión pública, porque non vale invocar a liberdade de expresión cando o único que se pretende é sinxelamente aproveitar unha plataforma política -e a notoriedade que dan as súas siglas- para difundir ideas que están nas antípodas desta. Por esta regra de tres, qué impediría que no seo do BNG puidese defenderse que Galiza é unha rexión, que a discriminación racial ou de xénero son valores positivos ou que a lingua galega non debe ser defendida? Aceptaría o PP un grupo de militantes no seu seo favorábel á independencia das nacións sen Estado? Faría o proprio o PSOE?

Non falamos, por moito que se queira, de democracia, nin de liberdade de expresión, nin de dereitos das minorías. Falamos de non compartir os principios políticos que defende o BNG.

Polo demais, que a señora Rahola, de coñecida traxectoria político-mediática, entre a cal destaca o seu papelón en ERC, se permita o luxo de tocar de oído e vir a darnos leccións aos demais, simplemente é para nota. Pero ese é outro cantar.