Con seguridade este ano no Día da Patria Galega haberá dous temas que estarán no pensamento e na boca de todos, especialmente nos miles de persoas que participen das mobilizacións en Santiago de Compostela convocadas polo nacionalismo. Refírome aos ataques do exercito israelita contra as zonas ocupadas e o Líbano, e a redación dun novo Estatuto de Autonomia pra Galiza ou a sua reforma.

Os bombardeos constantes con artillería pesada, aviación e fragatas, por parte de Israel sobre zonas intensamente povoadas por civís, non só e condenábel senón que se trata dun verdadeiro xenocidio, por máis que se utilice o argumento sobado do terrorismo integrista. Primeiro, porque as consecuencias son centos de mortos e miles de feridos, que non se poden defender. Segundo, porque se están destruíndo planificadamente as infraestructuras do país, a industria, os servizos básicos, etc. O máis grave é que os Estados Unidos alenta que continúen os ataques, como acaba de manifestar Condolece Rice. Mentres pola súa banda as Nacións Unidas e a Unión Europea propoñen ocupar o Líbano con forzas militares internacionais e desarmar as milicias, seica pra favorecer á povoación civil, ¡vaia cinismo! Ou sexa, uns e outros garanten os obxectivos de Israel e deixan impunes os ataques, a ocupación e colonización de territorios, e por enriba garanten que non abanee nen unha ponla na zona.

O debate sobre o Estatuto de Autonomia é un tema máis achegado a nos, aínda que non se contou coas organizacións da sociedade máis que pra seren escoitadas nunha recepción da Comisión de Redación, e agora o texto estase cociñando na soidade dos cumios partidarios. É dicir, non acadou o fervor e mobilización social necesarios. Se cadra por eso sexan -e se vexan- as propostas como pouco atrevidas, e o limite máximo do Estatuto moi baixo e marcado polo conseguido pra o de Cataluña. Asemade, mesmo hai algunha opción de dubidosa lexitimidade pra calquer forza que se considere galega, cando dende os conservadores e a socialdemocracia -premidas polo ámbito estatal- rexeitase o recoñecemento do dereito de autodeterminación e procurase descafeinar o concepto de nación, cunha postura mesmo agresiva por parte do PP.

O certo é que nun escenario no que se impón a globalización neoliberal a dependencia é un suicidio, por máis que se millore a xestión; especialmente nun país periférico, cun cativo control da sua economía, con problemas de desemprego e emigración crónica, abafamento da cultura e lingua propria, e onde as actividades nas que millor se desenvolve son unha competencia directa cos que mandan na Unión Europea ou moeda de troque pra o Estado. Neste tempo histórico pra avanzar economicamente, mesmo pra defender cultura e lingua, compre ter poder político e capacidade de presión. Conseguir só unha maior xestión non garante o desenvolvemento e a identidade. Vexase o que medrou Madrid e canto o fixo Galiza, compárese a riqueza natural de cada un e o punto de partida fai vinte anos.

O poder político central transformou a nova realidade ao seu favor, despois da queda do franquismo e unha vez superada a transición. Dáse o paradoxo de que aínda descentralizando a xestión deu un maior pulo ao seu poder real sobre a economía, e mesmo á divulgación da cultura e lingua española, cando menos a respeito de Galiza. Esto foi así, porque hoxe non estamos a principios do século XIX, cando nacía a industrialización ou os medios de información eran locais, ou no período de descolonización..

A globalización neoliberal da folgos á concentración e centralización, recrea as situacións periféricas e dependentes. Por eso o debate estatutario, cal debe ser o nivel de soberanía e as competencias exclusivas, como imos relacionarnos co resto do mundo directamente, etc. son temas moi importantes ¡básicos! pra garantir o nivel de vida, o emprego e unhas condicións laborais dignas, así como a identidade nacional.

*Secretario Confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG