Este xornal publica cada domingo unhas páxinas sumamente interesantes so o rótulo de Vigo siglo XXI, que coordina o periodista e amigo Otero Ricart. Nesta ampla sección, moi bien diagramada e acompañada normalmente con deseño de J. Aguilera, podemos ler cada semana reflexións sobre o pasado, o presente e, sobre todo, sobre os plans e desexos de futuro desta cidade que cada vez se vai entendendo máis, á maneira de Castelao e de Otero Pedrayo, como hinterland ou entidade ampla que sobarda o territorio ou termo municipal e que debería gozar de entidade administrativa, ao noso xuízo, no antigo Territorio de Turonio, e isto é: o que vai do Río Miño á Ría de Vigo.

De todas as colaboracións que foron sendo publicadas en Vigo siglo XXI se cadra a menos relevante sería unha asinada por min. Titulábase, semanas atrás, "Farois na Rúa Real. Notas sobre Vigo como factoría de Cultura" e nela extendinme sobre a importancia de Vigo en materia de producción editorial de libros, e tamén de ideas, desde os anos sesenta do século XIX deica hoxe. Como sempre, insistín na idea de que Vigo foi e é a capital editorial de Galicia. Confeso que, unha vez entregada a colaboración, quedoume unha especie de preocupación por se a miña memoria me fallaba e deixaba de nomear algunha empresa ou iniciativa editorial de relevo. Seguramente foron varias as empresas esquencidas por min, pero dun lapsus importante (e para nada freudiano) fun seriamente advertido.

Alfonso Zulueta de Haz, actual presidente do Consello da Cultura Galega e bo e xeneroso amigo, escríbeme para me explicar que a editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), se ben foi fundada en Compostela, tén o seu domicilio en Vigo, na mesma Rúa de Colón e no céntrico núm. 37. Agradezo a Alfonso Zulueta a advertencia, e aproveito para decer que el foi un dos motores, tal vez o máis importante, desta editorial de signo cristián admirábel polas razóns que a seguir expoño.

Paréceme que a SEPT é continuadora do espírito daquela revista Logos, galeguista e católica, que, admirando nada menos que á divisa europea do neotomismo conciliado coa democracia e contrario ao fascismo, ou sexa Jacques Maritain, impulsada por un grupo entusiasta ao que non eran alleos nin Bóveda nin Castelao saía nos anos 30 en Pontevedra. E ben, entre os méritos de SEPT está o de ter promovido e editado por primeira vez na historia o texto completo da Biblia verquido directamente ao galego das linguas orixinais por un equipo, dirixido por Andrés Torres Queiruga e Xosé Fernández Lago, no que colaboraron Xosé Chao Rego, Xesús Ferro Ruibal e non sei se algún máis, porque, coma sempre cito de memoria e sen ter esa obra a man (despois pasa o que pasa).

En realidade, penso que a Biblia, para desempeñar aquí a mesma función histórica que tivo en Alemaña, Inglaterra ou Holanda, isto é, para fundar a lingua literaria galega moderna, tivo que ter sido traducida desde a Vulgata latina por man dun protestante dotado de altura literaria e na segunda parte do século XVI. Nada diso ocorreu, e a nosa lingua houbo de suplir, coa grande aventura do Rexurdimento, aquela carencia histórico-literaria. Sen embargo, o noso idioma necesitaba da experiencia da traducción bíblica con absoluta eficiencia filolóxica, e esta , e os que reflexionan sobre a Biblia e ven nela a palabra de Deus tiñan dereito agora a esoutra experiencia de cuase revelación que o teólogo Torres Queiruga lle atribúe á traducción ao galego. SEPT cumpriu co seu deber e todos lle estamos moi agradecidos, crentes e ateos.