Opinión

MANUEL BRAGADO

Colapso en Rande

Non son moi esperanzadores os agoiros da conselleira de Política Territorial, a viguesa María Xosé Caride, sobre o previsible colapso que en pouco tempo pode sufrir a ponte de Rande e as dificultades para construír antes de 2010 un vial alternativo de peaxe, a autovía Puxeiros-Arcade-Confurco-Pontevedra. Outrosí semella suceder coa posibilidade de proporcionar decontado cunha solución satisfactoria para liberar de peaxe a ponte de Rande, unha vellísima reivindicación cidadá, que se adía na fronteira do remate da década.

A conselleira, na presentación dos orzamentos do seu departamento no Parlamento Galego, vencellou a solución definitiva de ambos os dous problemas, razón pola que, mentres non estea aberta a prometida autovía polo interior (será de pagamento), os milleiros de usuarios diarios do treito Vigo-Rande, que non dispoñen dos bonos-peaxe, subvencionados pola Deputación Provincial de Pontevedra e a propia Xunta de Galicia (axuda que reciben actualmente case quince mil veciños dos concellos do Morrazo e Vigo, ata un máximo de oitenta traxectos por mes), deberán seguir pagando cada vez que atravesen a ponte a AUDASA sesenta e cinco cents; máis de cen das vellas pesetas, que coche a coche fan un bo peto.

Os datos de 2004 amosan que este treito da autoestrada foi utilizado por unha media de 41.500 vehiculos diarios, o que supuxo uns ingresos para a concesionaria de arredor dos dez millóns de euros; cantidade en previsible aumento xa que nos dez últimos anos o tráfico se incrementou nun 113% e nos cinco últimos no 34 %. De manterse a idéntico ritmo, este crecemento suporía que en 2009 a circulación no treito acadaría os 55.000 e os ingresos de AUDASA (aos prezos actuais) os trece millóns de euros. Cifras que no treito Vigo-Vilaboa aínda son máis elevadas, xa que o número de vehículos diarios foi en 2004 de 54.500 e, manténdose o crecemento dos últimos cinco anos nun 42%, o número de vehículos que o empregarían diariamente en 2009 podería chegar aos 75.000. Sen marearnos con máis números: cada ano atravesan a ponte de Rande case vinte millóns de vehículos, fluxo que é moi difícil de dixerir por un vial que conta con apenas dous carrís no seu trazado, en boa parte urbano. Non son extraños, pois, nin os engarrafamentos nin as longas esperas diante das cabinas de pagamento que se producen nas xornadas de tráfico máis intenso (hai días do último agosto nos que se acadaron xa os 63.000 vehículos) nin as saturacións que isto poida ocasionar nas entradas e saídas de Vigo. Ten moita razón a conselleira: a saturación da autoestrada e da ponte de Rande é un feito polo que non debemos agardar, xa está aí.

Este colapso da autoestrada, o único viario existente entre as dúas bandas da ría, e o seu carácter de peaxe constitúen un custe engadido que dificulta o desenvolvemento económico e social da rexión urbana de Vigo-Pontevedra. O conxunto das forzas políticas e sociais deben reclamar e urxir ao Ministerio de Fomento que tome conciencia da importancia de apostar presupostariamente pola prevista autovía de Puxeiros, unha infraestrutura que aliviaría a saturación que sofre a A-9. Mágoa que nos vindeiros orzamentos só estea comprometida a redacción do proxecto do seu primeiro treito, o que agoira que moi dificilmente poida estar concluída antes do remate desta lexislatura.

Urxencia aconsellada, tamén, polo feito de que os anuncios dos diversos gobernos centrais sobre a liberación da peaxe choveron sempre sobre mollado. Dende hai cinco anos, froito da presión da Plataforma Cidadá pola Supresión da Peaxe, foron múltiples as promesas de suprimir este inxusto pagamento, ata dar por feito a súa erradicación na actual lexislatura, como fixo Mariano Rajoy, cando era vicepresidente do goberno. Cos actuais de Zapatero e Touriño aparecen novas promesas que non poden volver quedar en papel mollado. O goberno de Touriño debe ser capaz de comprometer ao Ministerio de Fomento para que, mentres non se abra o vial alternativo, se faga cargo do custe do bono-peaxe, co que se está cargando tan inxustamente ás administracións galegas; e se amplíen as súas prestacións. Sería un "parche" (é difícil denominalo doutro xeito) imprescindible, tamén, ampliar esta prestación aos vehículos que utilizan o treito deica Pontevedra e facela extensible ao conxunto das unidades familiares e das empresas radicadas na nosa área.

A ponte de Rande, que debería ser renomeada como "Ponte Jules Verne", como temos proposto xa en varias ocasións, non pode continuar sendo un obstáculo para o desenvolvemento da nosa rexión urbana. As pontes sempre se fixeron para unir e comunicar xentes e comunidades, a de Rande, icona do Vigo contemporáneo, non pode ser unha excepción.

manolobragado@netscape.net

Tracking Pixel Contents