Opinión

XOSÉ MANUEL PEREIRO

Os caladiños

Estes son os días do "xa o decía eu". Todo o mundo sabía, por exemplo, que a Cidade da Cultura (CdC), esas semicatacumbas deseñadas máis ou menos por Peter Eisenman no monte compostelán de Gaias, ían ser un burato negro de cartos e unha montaña de problemas, e mesmo se saca peito e arquivo para ver quen avisou antes. Ignoro con que proveito, porque esta é unha carreira igual que para quedar décimo na Liga. O que tarde ou cedo ía pasar coa CdC xa o sabía ata o que asou a manteca. E o que é peor, xa o sabía incluso a quen se lle meteu na cabeza facela.

Estes son os días do "xa o decía eu". Todo o mundo sabía, por exemplo, que a Cidade da Cultura (CdC), esas semicatacumbas deseñadas máis ou menos por Peter Eisenman no monte compostelán de Gaias, ían ser un burato negro de cartos e unha montaña de problemas, e mesmo se saca peito e arquivo para ver quen avisou antes. Ignoro con que proveito, porque esta é unha carreira igual que para quedar décimo na Liga. O que tarde ou cedo ía pasar coa CdC xa o sabía ata o que asou a manteca. E o que é peor, xa o sabía incluso a quen se lle meteu na cabeza facela.

Hai quen se equivoca, e cando se dá conta, rectifica (eses son personaxes de ficción). Hai outros que, no mesmo caso, procuran disimular (eses somos a maioría da xente) ou botarlle a culpa a outro (eses somos a maioría dos homes). E hai quen sabe que se equivoca pero tanto lle ten porque nunca choveu que non escampara (eses son algúns políticos). Caendo no mesmo pecado do que acuso ós demais e tirando tamén de hemeroteca, eu hai catro anos referíame ó Machu Pichu de Compostela como "un deses despliegues faraónicos que obedecen ó principio de ti crea primeiro o órgano e malo será que logo non haxa función". É decir, aseguraba sen arriscar nada que o importante era erguer unha pirámide vistosa, e logo xa se vería se dentro se mete un morto ou unha chea de vivos. Pero co que non contaba era con que se triplicase (de momento e xa veremos) o presuposto, porque na miña inxenuidade consideraba que estas cousas nunca saen por máis do doble do que se di ó principio. Chegados a este punto, non teño outra que recoñecer o mérito de Javier López Chaves, portavoz de Cultura do PP, un heroe que a este respecto sostivo en público dúas afirmacións que a un home de menos temple o precipitarían chorando no colo da súa nai: A.- O gasto da CdC non se disparou. B.- A CdC tiña e ten un sólido proxecto de contidos ("tiña e teñe", dixo na versión orixinal, o que me suxire un contido concreto: destinar o sitio máis agachado das catacumbas de Gaiás para seminario diocesano de inmersión lingüística, onde os novicios vivan enclaustrados e rodeados de paisanos chulamente monolingües e animadores socioculturales d´A Mesa).

Claro que a Terra Mítica santiaguesa non é o único descubrimento científico que asombra a este país. O Consello Económico e Social, organismo non por pouco coñecido menos importante, acaba de concluír que, contra o vento e a marea oficial ("Galicia-ía-como-unha-moto"), non converxemos ni con España nin con Europa. Non é que sigamos viaxando no furgón de cola, é que imos cara atrás como escapando do revisor porque non temos billete. Manuel Fraga despexou no Parlamento esa pelota asegurando que "hai outros informes máis serios", aínda que este debe selo bastante porque lles levou 16 anos facelo. Tamén o Consello de Contas, que son os que velan pola boa administración da Administración, esperta do seu sono e avisa que: A.- A CRTVG perdeu moitos cartos B.- Pois anda que o SERGAS... C.- Sobran unha chea de concellos en Galicia. Como lle dixo miña avoa Balbina en paz descanse ós Testigos de Jehová que lle petaban na porta para advertila de que un día había morrer: "se esa é a novidade que me traen...". Sobre ese novo informe que confirma o que xa sabiamos todos non se pronunciou de momento nin o líder da oposición nin a oposición rasa. Pero Fraga xa adiantara na sesión parlamentaria deste mércores un argumento que pode servir para esta e para calquera outra circunstancia futura: "este é o famoso cambio". Efectivamente, agora non soamente se pode criticar ó goberno. Incluso se pode pregoar o obvio.

www.sihomesi.com

Tracking Pixel Contents